Piden máis recuros para atender a saúde mental da infancia e a adolescencia

Unhas xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia aborda a importancia deste fenómeno entre as e os máis novos.

Por Galicia Confidencial | Pontedeume | 18/11/2022 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A necesidade de ofrecer unha resposta profesional e asistencial adecuada ao incremento das necesidades da poboación infantil e adolescente tras a pandemia foi o punto de inicio das XXVII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, inauguradas este venres en Pontedeme.

Neno nunha gardería pintando. Na actualidade os expertos estudan o aumento dos problemas de saúde mental na infancia
Neno nunha gardería pintando. Na actualidade os expertos estudan o aumento dos problemas de saúde mental na infancia | Fonte: XUNTA - Arquivo

 

“Infancia e adolescencia: coidar a súa evolución, evolucionar no seu coidado”, é o título desta edición, que se propuxo partindo do incremento das demandas de atención de saúde mental na poboación infanto-xuvenil. O programa busca abordar esta demanda, especialmente polo incremento rexistrado dos trastornos de alimentación, da conduta autolesiva e suicida nestas idades, así como o uso abusivo das redes sociais.

 

O foco é amplo, xa que nas distintas mesas e conferencias estase a falar da familia e da relación cos demais rapaces e rapazas da súa idade, así como do contexto escolar-académico, para facer unha aproximación sobre se os recursos actuais están adaptados para dar resposta a estas problemáticas emerxentes tras a pandemia. Unha ducia de relatores e relatoras de recoñecida traxectoria, tanto a nivel galego, como doutros territorios do Estado, están achegando a súa experiencia profesional e investigadora nas principais problemáticas que afectan a saúde mental da rapazada.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, sinalou a súa preocupación pola saúde mental da poboación moza, “despois de case tres anos moi complexos e ata certo punto traumáticos”, e sinalou que a pandemia fixo “máis necesario aínda o labor da psicoloxía”. Apuntou así mesmo que “eses rapaces e rapazas serán os que dirixan a sociedade na que viviremos no futuro”, polo que reclamou a necesidade de investir na prevención e coidado da súa saúde mental.

Pola súa banda, a psicóloga clínica Paula Marcos, vicepresidenta da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, manifestou a necesidade de reflexión sobre “a resposta nas novas formas de sufrimento na nosa práctica clínica”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta