Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2022 | Actualizada ás 17:49
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou telematicamente no IV Congreso de Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero que se celebrou este venres na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, onde destacou que a Lei de medidas fiscais e administrativas (Lei de acompañamento) modificará a normativa autonómica de igualdade para considerar ás vítimas de explotación sexual como vítimas de violencia de xénero, de forma que poidan acceder ás axudas e recursos da Xunta.
Lorenzana aproveitou para agradecer aos xornalistas o seu traballo diario por "informar sobre a vulneración dos dereitos das mulleres que se incrementan nos conflitos bélicos" e animou para "aproveitar as posibilidades que brindan os medios, tradicionais e dixitais", para que "as demandas das mulleres sexan máis fortes".
Nesta liña, apuntou que "hai que seguir avanzando nunha maior participación das mulleres na política internacional e nos medios de comunicación", sinalando ademais a importancia de "xuntar esforzos para acadar unha igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes".
Para alcanzar este reto, afirmou, "Galicia seguirá situándose na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller" ao permitir "visibilizar" desigualdades e "avanzar para erradicalas" coa nova Lei galega de igualdade en tramitación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.