Por Galicia Confidencial | Celanova | 21/11/2022 | Actualizada ás 10:22
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova solicita, despois da aprobación da nova lei estatal de memoria, á corporación municipal que proceda á aplicación da norma e retire de maneira inmediata o memorial falanxista do Outeiro da Obra e da placa no edificio da antiga escola de Vilanova dos Infantes como símbolos contrarios á memoria democrática. Unha proposta que, segundo esta institución, será debatida no próximo pleno xa que os grupos socialista e nacionalista aceptaron levala.
Nunha proposta de moción dirixida aos grupos que fan parte do pleno municipal, o Comité pide ademais que restitúa no rueiro e en toda a información e documentación pública oficial o topónimo Outeiro da Obra e cambie a sinaléctica do lugar, eliminando a denominación ‘Monte da Cruz’, contraria á memoria democrática.
O Comité apela ao disposto no Capítulo IV. Sección I da Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática que entrou en vigor o pasado mes de outubro.
Tamén volve reclamar o Comité protección para a pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro na Praza Maior, en canto elemento e lugar de memoria. O debate sobre a protección non puido celebrarse como estaba previsto no último pleno ordinario, e despois de que o Comité se tivera dirixido en varias ocasións á Alcaldía solicitando esa intervención. Durante algunhas semanas do pasado verán, o goberno local colocou un cartel coa lenda Non golpear o Mosteiro, mais desistiu desa medida despois de que o cartel desaparecese en dúas ocasións deixando a pintada sen protección.
AMPLA DOCUMENTACIÓN
Na proposta de moción, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lembra que hai firmas de máis de 1.600 persoas e colectivos, entre elas, todas as asociacións que traballan no ámbito da recuperación da memoria histórica no país así como os principais historiadores e historiadoras na materia, alén doutras personalidades destacadas no mundo académico, cultural e político galego.
En maio de 2021, o Comité elevou a súa demanda en maio de 2021 ao Goberno do Estado, a través dunha entrevista co Subdelegado en Ourense. E o 16 de febreiro de 2022, un ano despois do inicio da campaña de apoios solicitou por vía administrativa a aplicación da lei de 2007 no Concello de Celanova. Nove meses despois, a única resposta que obtivemos foi o silencio administrativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.