Avanza a tramitación de dous grandes proxectos eólicos en cinco concellos galegos

Están impulsados por Greenalia e o Grupo Adelanta Corporación en Coristanco, Santa Comba, Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica avances nos trámites de novos proxectos eólicos promovidos polo Grupo Adelanta e por Greenalia nas provincias da Coruña e Ourense, respectivamente.

No primeiro caso, sométese a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación que implica para o proxecto do parque 'Braña Ancha', nos concellos coruñeses de Coristanco e Santa Comba.

Adelanta Corporación é a promotora e a potencia para instalar son 22,4 MW. O número de aeroxeradores que se instalarían son catro e estímase unha produción neta anual de 67.631 MWh/ano. O orzamento de execución material supera os 13 millóns de euros, e o prazo de execución estimado é de seis meses.

No caso de Greenalia, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, e a declaración de utilidade pública coa necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do parque 'Lamas II'.

Este parque estará composto por tres aeroxeradores, cunha potencia total instalada de 15 MW e un investimento previsto de 11,5 millóns de euros. Afectaría a zonas de Calvos de Randín (Ourense) --onde se instalarán as máquinas-- e varias áreas dos Blancos e Baltar.

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia

REDE NATURA

Greenalia asegura que a documentación se acompaña do correspondente Estudo de Impacto Ambiental (EIA), que conclúe a compatibilidade da instalación eólico coa contorna e a paisaxe. E agrega que non suporá afeccións sobre espazos protexidos pola Rede Galega de Espazos Protexidos e a Rede Natura 2000, nin sobre a Proposta de Ampliación, localizándose ademais fóra de Íalas.

No ámbito da avifauna, fíxose un estudo preoperacional anual, tras o que se conclúe, segundo defende a empresa, que a zona de estudo non presenta un interese ornitolóxico especial, ao mesmo tempo que se descarta a existencia de corredor migratorio específico, de modo que non se prevén afeccións sobre as aves.

Destaca, en referencia ao hábitat, a revexetación de todas as áreas afectadas durante o proceso de construción, de modo que se irá procedendo á súa recuperación e plantación de especies a medida que vaian finalizando as obras.

Por último, tal e como reflicte o informe arqueolóxico, establecéronse medidas de seguimento e a posta en marcha dunha área de cautela sobre o único elemento inventariado na zona, Fonte da Cunca, cuxo potencial impacto, asegura a promotora, "é mínimo" tendo en conta os instrumentos de protección establecidos no plan de obra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta