Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 20:35
A iluminación do Nadal de Ourense acenderase o 2 de decembro. Así o anunciou o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, que ademais adiantou que "terá un terzo das lámpadas de Vigo" e, aínda así, esgrimiu que "será a iluminación máis rechamante de Galicia". Fíxoo entre críticas ao que denominou como a "ciencia ficción do alcalde de Vigo", Abel Caballero.
Así se pronunciou no marco da presentación do concurso de escaparates de Nadal para "apoiar o comercio local e dinamizar a cidade". Un concurso que repartirá un total de 8.000 euros en premios, o primeiro escaparate recibirá 3.000, o segundo 2.000, o terceiro 1.000 e haberá catro accésit de 500 euros.
"O aceso das luces ten relación con isto dos escaparates porque ambos van embelecer a cidade durante uns días dunha forma moi relevante", dixo Pérez Jácome, explicando que o acendido será o día 2 de decembro ás 20,00 horas e que dará "moitísima alegría nas rúas e moitísimo ambiente".
"Teremos en Galicia por primeira vez pórticos, que serán os que decoren a rúa do Paseo", garantiu o rexedor engadindo que se trata da cuarta vez que se pon esta decoración nunha cidade europea, "instaláronse en Alemaña, en Málaga e noutra cidade andaluza e agora en Ourense", dixo sostendo que "a iluminación será espectacular".
Neste sentido, prometeu que "a iluminación máis rechamante de toda Galicia vai ser a de Ourense" e "unha das máis rechamantes de toda España", engadindo ademais que a cidade conta con outros "dous potenciais", "a Praza Maior coa carpa que vai estar espectacular e a árbore máis alta de Galicia".
REPERCUSIÓN ECONÓMICA
En canto ao custo da iluminación, "suporá 500.000 máis IVE" e unha repercusión da que "aínda non hai datos". O que prevé Jácome é que "vai aumentar o número de visitantes", pero dixo que non vai facer " ciencia ficción como fai o alcalde de Vigo", sobre o que lembrou que "unha vez na televisión dixo que o retorno de Vigo era de 500 millóns de euros, posiblemente non sexa nin de 30 nin de 20".
Ademais criticou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "dicía que xa teñen todos os hoteis cheos e calquera persoa pode entrar a internet e verá que non están cheo". "Hai prazas para todo o Nadal e a prezos máis ou menos estándar", agregou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.