Máis de 10.000 persoas maiores con dependencia reciben teleasistencia nos seus fogares en Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2022 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Máis de 10.000 persoas maiores con dependencia reciben apoio tecnolóxico nos seus fogares a través de teleasistencia. Así o confirmou o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, nas xornadas estatais de servizos tecnolóxicos dixitais organizadas por Cruz Vermella e que se desenvolven ata o xoves no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.

Segundo trasladou a Xunta, Antón Acevedo destacou o traballo conxunto con Cruz Vermella para impulsar a teleasistencia, que permite aos maiores recibir a atención que necesitan nos seus domicilios tan só pulsando un botón.

Sobre isto, explicou que nos orzamentos do próximo ano os fondos para este servizo soben un 55 % ata alcanzar os 11,5 millóns de euros.

Para o director xeral, isto pon de manifesto a vontade do Goberno galego de aproveitar as vantaxes que ofrecen os avances técnicos para mellorar a atención aos maiores.

Así mesmo, apuntou que a Xunta destinará "máis diñeiro que nunca" aos maiores para que "vivan onde vivan poidan pasar esta etapa de acordo ás súas preferencias e necesidades".

Con este obxectivo, engadiu, o Executivo autónomico "redobra" a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lle permitan ás persoas de máis idade ver cumprido o seu desexo de envellecer na súa contorna.

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participa nunhas xornadas de Cruz Vermella
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participa nunhas xornadas de Cruz Vermella | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta