A campaña de extracción de mexilla queda atrasada até o 9 xaneiro en Pontevedra e A Coruña

A Consellería sinalou que "están a acometer" as modificacións pertinentes para "poder abrir novas zonas" á extracción da mexilla a través da correspondente resolución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar informou este mércores de que se atrasa o inicio da campaña de extracción de semente de mexillón en bancos naturais das provincias da Coruña e Pontevedra ata o próximo 9 de xaneiro.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, a decisión adoptouse "atendendo ás consideracións" sobre a situación dos recursos trasladadas polos distintos profesionais do sector e a un informe emitido polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar.

Desta forma, "ambas as partes coinciden" en que a mexilla existente agora mesmo no medio "é de pequeno tamaño" polo que a súa extracción "pode ser prexudicial" para o estado biolóxico da especie, e ao mesmo tempo, pode "implicar dificultades" no seu proceso de fixación.

Ante isto, e previa consulta ás principais asociacións de produtores de mexillón de Galicia, decidiron atrasar a campaña de recollida para favorecer unha explotación sustentable do recurso.

Así, as resolucións emitidas polas xefaturas territoriais da Coruña e Vigo estableceron que as campañas extractivas de semente de mexillón en bancos naturais comezará o próximo 9 de xaneiro e prolóngase ata o 15 de xuño, o que amplía os prazos de recollida nun período equivalente ao atraso no seu inicio.

En liña con este adiamento no inicio da extracción, o Servizo de Gardacostas de Galicia e a unidade da Policía Nacional Adscrita reforzarán a vixilancia e os controis no litoral da comunidade co obxectivo de cumprir a normativa e evitar a extracción irregular da mexilla.

Finalmente, a Consellería sinalou que "están a acometer" as modificacións pertinentes para "poder abrir novas zonas" á extracción da mexilla a través da correspondente resolución.

Cordas con nailon para engordar os mexillóns nas bateas
Cordas con nailon para engordar os mexillóns nas bateas | Fonte: MN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta