Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 16:37
A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou este mércores "a situación de saturación" que padecen as Urxencias de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e indicou que a xerencia "non planificou as necesidades de dotación de persoal para dar unha asistencia segura e de calidade".
O sindicato sinalou nun comunicado que hai "un notorio incumprimento da dirección do hospital das funcións e normas reguladoras do funcionamento" das urxencias pediátricas. Así, subliñou este servizo "vese desbordado cada día, cunha media de 150 nenos por día, chegando a máximos de 200".
Ademais, afirmou que "se mantén o mesmo persoal de enfermaría, encargado de dobrar quendas para asumir o reforzo do persoal necesario", o que "impide os seus descansos e a conciliación familiar". Tamén subliñou que a xerencia "non contemplou unha previsión de formación de persoal en Pediatría".
Nesta liña, denunciaron que "tampouco se contemplaron cambios organizativos no traballo" e que "se seguen asumindo tarefas que podían ser desenvolvidas noutras unidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.