Case un de cada cinco adolescentes galegos presenta síntomas de depresión grave e moderada, segundo un estudo da USC

Máis de un de cada dez amosan ideas suicidas recorrentes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Un informe que realizou a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Barrié reflicte que o 17,8 % dos adolescentes galegos presentan síntomas de depresión grave e moderada, e o 12,7 % ten ideas suicidas recorrentes.

Segundo sinalou a USC, estas cifras multiplícanse por tres ou catro entre as persoas que padecen acoso escolar. No informe 'Adolescencia, Tecnoloxía, Saúde e Convivencia' participaron 8.833 adolescentes con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

Desta forma, o obxectivo do estudo foi realizar un diagnóstico do uso que os adolescentes galegos fan das Tecnoloxías, Relacións, Información e Comunicación (TRIC).

A investigación estableceu como os niveis de benestar emocional e satisfacción coa vida son inferiores entre as novas e a taxa de depresión e de ideación suicida é de tres ou catro veces maior, o 18,1 %, fronte ao 6,7 % dos mozos.

Ademais, o estudo constatou como, polo menos, un de cada catro adolescentes galegos fai un uso problemático de Internet. Así, entre os principais riscos destacan a pornografía, o 'sexting' e o 'grooming'.

O 44 % dos adolescentes galegos recoñeceu consumir pornografía en liña, o 42,2 % admitiu intercambiar mensaxes sexuais en liña ('sexting') e o 11,6 % recibiu unha proposición sexual por parte dun adulto ('grooming').

Con todo, as mulleres experimentan presións con maior frecuencia para enviar fotografías ou vídeos íntimos, o 18,6 % fronte ao 6,9 % dos homes. O estudo detectou como máis do 40 % dos adolescentes galegos presentan problemas frecuentes, todas as semanas, relacionados co estado de ánimo, a ansiedade e a irritabilidade.

ADICCIÓN AOS VIDEOXOGOS E ACOSO


Así mesmo, a taxa de adicción aos videoxogos sitúase en Galicia no 4 %, o que afecta a máis de 5.000 adolescentes. A esta porcentaxe, indicou a USC, habería que engadirlle un 13,1 % adicional para os que os videoxogos estarían a empezar a converterse nun problema.

Nesta liña, sinalou que estas cifras se incrementan canto maior é a frecuencia de xogo e as horas que lle adican. Ademais, observouse unha relación entre o consumo de videoxogos e o acoso escolar.

Polo menos, un de cada cinco adolescentes sofren acoso escolar, o 22,9 %, en Galicia. As cifras de agresores aumentan entre os que xogan habitualmente a videoxogos violentos designados como PEGI18. O consumo frecuente ao comezo da adolescencia, entre os 12 e os 13 anos, fai que se dupliquen as taxas de acosadores, a 3,6 % fronte ao 1,7 %.

Igualmente, polo menos un de cada dez adolescentes que apostan, 12 %, poderían estar a desenvolver unha adicción ao xogo. Este é outro dos aspectos abordados polo estudo xa que o 12,5 % recoñece verse obrigado a pedir diñeiro prestado para xogar ou para saldar as súas débedas e un 12,1 % a roubar. Estes problemas multiplícanse por dez cando existe unha adicción ao xogo.

O estudo tamén apuntou como máis do 25 % dos adolescentes non come nunca ou case nunca coa súa familia; denuncia unha mellorable hixiene do soño; e subliñou as dificultades que presentan os mozos para aceptar a súa imaxe corporal, entre outros aspectos.

A investigación está coordinada polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, que presentou os resultados xunto coa directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romeu.

A investigación está coordinado polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, que presentou os resultados xunto coa directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romeu
A investigación está coordinado polo profesor da Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta, que presentou os resultados xunto coa directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romeu | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta