Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 30/11/2022 | Actualizada ás 20:55
O plantel de Lérez Ediciones S.L., sociedade propietaria do Diario de Pontevedra, que forma parte do grupo El Progreso, vén de convocar unha folga indefinida a partires do vindeiro 22 de decembro. O motivo da mesma é a reclamación de salarios dignos, que levan sete anos seguidos conxelados, e dun convenio xusto, segundo fixo saber o comité de empresa nun comunicado de prensa.
Tamén demandan que a empresa retome unhas negociacións que de forma unilateral non quere continuar tras meses de reunións e despois de trasladar a súa última oferta á parte social, na que contempla unha suba media do 1,1 % para 2022 e non ten en conta os sete anos seguidos de conxelación salarial. Esta proposta é insuficiente e inxustificada para o plantel.
O cadro de persoal, en asamblea, decidiu apoiar o calendario de mobilizacións para reclamarlle á empresa unha mellora das súas condicións económicas e laborais. Os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 18 % tralas distintas subas do IPC. A actual inflación sitúa a empregadas e empregados do Diario nunha situación límite en moitos casos, afirman dende o comité de empresa.
Ademais da conxelación de nóminas, os traballadores víronse afectados por un ERTE durante a pandemia, iniciándose o mesmo en 2020. Este expediente xerou, segundo afirman, un quebranto non só económico para o plantel, senón tamén organizativo, cun sobresforzo durante a covid para dar cobertura informativa a todo o que pasba na cidade e nas comarcas, sen que o produto se vise resentido.
O ERTE aplicouse a pesares de que o sector foi declarado de primeira necesidade polo Goberno durante a crise sanitaria. Este traballo extra, aseguran dende o comité de empresa, nin se gratificou, nin se compensou nin se agradeceu. Por contra, os traballadores viron reducida a súa bolsa de paro e sufriron o agravio comparativo doutras empresas do sector, que evitaron aplicar medidas como esta regulación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.