Os Franco non son un grupo social que requira de especial protección e non houbo violación de morada en Meirás en 2017

Así o ratificou este mércores a Audiencia Provincial da Coruña, ao desestimar os recursos e confirmar o arquivo da denuncia da fundación e os familiares do ditador

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/12/2022 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmou o arquivo da denuncia presentada pola Fundación Franco e outros familiares do ditador contra o grupo de activistas denominado '19 de Meirás' (foron investigados 17), que despregaron pancartas nunha protesta no ano 2017 na que pedían a recuperación para a titularidade pública do pazo situado en Sada.

Así, no auto que desestima os recursos sostén que non se pode considerar que houbo violación, así como tampouco se pode considerar aos Franco un grupo de especial protección amparado pola lei.

Entre os participantes daquela protesta atopábanse varios dirixentes do BNG, entre eles, o deputado no Congreso, Néstor Rego. Na acción, os activistas despregaron un gran faldón no que se podía ler 'O Pazo é do Pobo Galego', así como 'Franquismo, nunca máis' e unha bandeira de Galicia coa estrela vermella.

Concretamente, a Audiencia da Coruña desestimou os recursos de apelación presentados pola Fundación Nacional Francisco Franco e outros familiares do ditador contra a decisión do Xulgado Mixto número dous de Betanzos de arquivar a causa aberta por unha protesta no pazo de Meirás no ano 2017, sobresemento que por tanto confirma.

CONTEXTO DE RECLAMACIÓN CIDADÁ

En relación ao delito de odio que denunciou a fundación e a familia Franco, a sala entende que non pode existir polo feito de "empolicarse a unha das soberbias torres do Pazo de Meirás e exhibir unha pancarta reivindicativa da titularidade pública dese Ben de Interese Cultural nun converxente contexto social de reclamación por parte da cidadanía".

Entenden os maxistrados que tampouco cabe considerar que a familia Franco cumpra os requisitos de formar parte de ningún grupo ao que a lei recoñeza especial protección, que "haberá de conectarse coas referencias circundantes á orientación ou identidade sexual e ás razóns de xénero, enfermidade ou discapacidade, podendo moi ben interpretarse como unha elección de comportamentos e estrutura familiar inhabitual ou menos corrente que a maioritaria".

Tamén descartan o delito de violación de morada, ao non poder "predicarse a existencia dunha intimidade reservada a uns potenciais moradores nas zonas de paso do interior do pazo", xa que nos momentos da protesta, o inmoble estaba en horas de apertura a visitas guiadas.

A sala tampouco cre que se cumpran as condicións que a xurisprudencia esixe para considerar que as persoas que lideraron o acto reivindicativo cometesen un delito de danos.

AGOSTO DE 2017

Os feitos remóntanse á mañá do 30 de agosto de 2017, cando este grupo de persoas accederon tanto á leira, ao interior do Pazo como á súa cuberta, tras subir polos muros perimetrais da propiedade.

Segundo recolle o texto da Garda Civil de Sada, un dos grupos permaneceu no xardín do Pazo, algúns deles subidos ás balaustradas, con pancartas nas que se lía 'Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis'. O outro subiu ao tellado do torreón, onde despregaron unha pancarta vertical a través da fachada do Pazo co lema 'O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo nunca máis'.

Na súa resolución, a maxistrada de primeira instancia de Betanzos considera que "non pode atribuírse a responsabilidade a todos e cada un dos intervintes, dun modo xenérico, individualizado ou discriminado", xa que non pode determinarse "en ningún dos investigados" que se causasen danos na cuberta e muros do inmoble.

Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás
Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás | Fonte: 19 de Meirás

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta