Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 17:01
Unha tese galega, desenvolvida ao amparo do proxecto Forestchange, demostra que as masas forestais "moi maduras" non son as que acumulan máis carbono, se non que esta capacidade corresponde ás que se atopan en estadíos previos de maduración.
Así o recolle a tese doutoral 'Modelización da perturbación sobre o stock de carbono en masas naturais a partir do IFN e datos de teledetección, para a avaliación dos efectos das perturbacións', de Jual Alberto Molina Valero, dirixida polos profesores e investigadores do grupo Uxafores da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra César Pérez Cruzado e Juan Gabriel Álvarez.
A estimación do grao de madurez dos bosques relacionada coa súa capacidade de almacenamento de biomasa ou carbono é considerada un dos temas máis importantes relativos á ordenación e planeamento forestal nas políticas e estratexias forestais máis recentes, subliña Molina Valero, que explora na súa tese estas relacións.
Así mesmo, considera o uso do stock máximo de biomasa a nivel de rodal como unha aproximación á madurez da masa a través do gradiente da calidade da estación, como unha medida que pode ser plausiblemente estimada a partir de datos do Inventario Forestal Nacional.
As pesquisas realizadas por Molina Valero encádranse coas premisas fixadas no proxecto Forestchange, cuxo obxectivo se centrou na definición de referencias de estados de desenvolvemento forestal que permitan o seu emprego en monitorización a gran escala de degradación forestal e para coñecer o seu efecto sobre a dinámica do carbono.
O doutor formado na EPS de Enxeñaría tamén explorou na súa investigación de doutoramento o desempeño de metodoloxías independentes da idade para a caracterización da calidade de estación, tales como os índices de forma e de sitio.
A tese inclúe, así mesmo, un estudo sobre un índice baseado na biomasa aérea para a caracterización do grao de madurez e compara os seus resultados cos obtidos en análises de dendrocronoloxía, á vez que desenvolve un paquete do software estatístico libre R para procesar e analizar datos de escáner láser terrestre (TLS), a fin de permitir o seu uso no Inventario Forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.