'Cátedra dunha Galicia universal', homenaxe póstuma a Basilio Losada

O libro, editado pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (FEGALCAT) co apoio da Xunta de Galicia, lembra ao profesor e tradutor, finado o pasado verán.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/12/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

'Cátedra dunha Galicia universal' é un libro que foi realizado para renderlle homenaxe o senlleiro profesor galego Basilio Losada. Na presentación da pasada semana estivo, entre outras persoas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García. Lembrando o seu pasamento dixo que “a todos nos encheu de tristura, pois sabiamos que nos deixaba un grande intelectual que contribuíu decisivamente ao coñecemento e ao recoñecemento da cultura, da lingua, da literatura galegas no exterior”

Portada do libro. Ilustración de Siro.
Portada do libro. Ilustración de Siro.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron neste acto Manoel Carrete, historiador e escritor, e o artista Siro, amigo de Losada e ilustrador da portada. 

Cátedra dunha Galicia Universal non pretende ser unhas memorias do profesor, pois el mesmo rexeitou en vida a idea de escribilas, senón unha maneira de agradecerlle ao que foi o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona o seu traballo como embaixador da cultura e da lingua galegas en Cataluña. Por iso, entre as páxinas desta obra atópanse as palabras daqueles que o coñeceron e admiraron, como Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo, Víctor F. Freixanes, Siro, Miguel Ángel Santalices, Armando Requeixo ou Carlos Sixirei, entre outros, ademais de fotografías propias dos álbums do homenaxeado e unha serie de ilustracións da autoría de Siro. 

SOBRE BASILIO LOSADA, EMBAIXADOR DA CULTURA GALEGA EN CATALUÑA

Basilio Losada Castro (Pobra de San Xiao, 1930 – Barcelona, 2022) foi un profesor, tradutor e crítico literario. Home de letras, doutorouse en Filoloxía Galega e ostentou a primeira Cátedra de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona. Emigrado desde neno en Cataluña, foi sempre un home dedicado á lingua e á cultura galegas, o que o converteu no gran embaixador de Galicia na cidade condal.

Persoeiro polifacético, é autor de varios libros de investigación, mais non publicaría a súa primeira ficción, La peregrina, ata cumprir os 70 anos. Da súa man saíron numerosos ensaios críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Traduciu 150 libros a varias linguas, vertendo ao castelán autores como Xohana Torres, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Uxío Novoneyra. Pero tamén achegou ao galego as voces poéticas catalás, así como as letras portuguesas e brasileiras de Jorge Amado, Clarice Lispector ou José Saramago. Losada foi tamén un apaixonado da lectura, o que o levou a crear unha biblioteca propia de 40.000 volumes, dos cales 18.000 repousan agora na Cidade da Cultura. 

Xubilado como catedrático desde o ano 2000, acumula distincións como a Medalla de Ouro de Galicia, a Cruz de Sant Jordi de Cataluña, a Medalla Castelao, o Premio Ramón Piñeiro Facer País ou a nomeamento como académico de honra da Real Academia Galega (RAG).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta