"As Fragas do Eume pode considerarse o pior parque natural conservado de toda a Europa atlántica"

Varias entidades ecoloxistas denuncian que o Plano Reitor de Uso e Xestión deste espazo natural segue sen ser aprobado desde 1999 e critican a "permisibidade" que existe con especies como o eucalipto.

Por Galicia Confidencial | Pontedeume | 09/12/2022 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Varias entidades ecoloxistas denuncian o "desleixo" da Xunta na aprobación do  Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das fragas do Eume, un documento obrigatorio por lei, que debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque, isto é, en 1999. Así, aseguran que, no caso do parque natural das Fragas do Eume, a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios ou os parques eólicos fixeron que arestora as Fragas do Eume "pode considerarse o parque natural pior conservado de toda a Europa atlántica".

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: Flickr

Nun comunicado conxunto, estas asociacións din que "non é causal esta escandalosa demora" da Xunta por dotar de ferramentas de xestión a este emblemático espazo. "Responde a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados", din. Entre as entidades asinantes están ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat, FEG (Federación Ecoloxista Galega) SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), Grupo Lobo, Asociación Betula e REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural).

A actual proposta de PRUX, que en breve iniciará a súa exposición pública, foi recentemente presentada á Xunta Reitora do Parque Natural este pasado 15 de novembro. Na convocatoria, incluiase para a súa aprobación a acta da anterior reunión deste organismo, celebrada en novembro de 2017. 

"Polo que atinxe aos contidos, novamente esta proposta de PRUX defrauda e fica moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas", din as entidades ecoloxistas. Neste sentido, critican que a zonificación é manifestamente pouco ambiciosa, establecendo só un 3,34% da área total como zona de reserva, a de maior protección. No resto de zonas (uso limitado, uso compatíbel e uso xeral) permítense a discreción da Xunta case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección.

EUCALIPTO

"Mais quizáis a proba máis evidente da responsabilidade da Xunta na deterioración do parque é o tratamento das plantacións de eucalipto neste PRUX", engaden. No apartado de “Directrices” indícase a este respeito “promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivadas con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume mediante o Decreto 11/1996, do 2 de maio”. "E que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997? Pois que son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural", din.

Fragas do Eume
Fragas do Eume | Fonte: EP

Tamén e a respeito do eucalipto, atopamos no apartado de “Usos prohibidos”: “A presencia nos 15 m das ribeiras, de pinos, acacias ou eucaliptos en cursos de auga de a lo menos 2 m de ancho”. Estes 15 metros a cursos fluviais nos que se prohibe o eucalipto xa foi establecido hai 10 anos na Lei 7/2012 de Montes, e é de aplicación xeral en todo o territorio. "Un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas", din.

Tamén chama a atención que no PRUX non haxa sequera unha medida relativa ao encoro da

Capela. "Unha infraestrutura que representa unha infranqueábel barreira ecolóxica e que a concesionaria manexa como unha billa particular, orixinando periodicamente graves verteduras, contaminación de traídas e mortandades piscícolas no Eume", engaden. 

E no capítulo de investimentos, a Xunta prevé adicar tan só 2 millóns de € en 10 anos, dos que para medidas de conservación irán 540.000, isto é apenas 54.000 € por ano, cifra "manifestamente insuficiente", aseguran, para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade. Tampouco hai orzamento algún para a merca de terras, considerando que o 80% do parque está en mans privadas, nen para medidas compensatorias e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta