Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2022 | Actualizada ás 14:30
Galicia participa esta semana no Congreso Mundial de Nutrición (IUNS) que se celebra na cidade xaponesa de Tokio pondo en valor a importancia de incluír os peixes e mariscos na dieta para ter unha vida máis saudable.
Neste sentido, a delegación galega destacou as distintas campañas postas en marcha nos últimos anos pola Consellería do Mar para elevar o consumo de produtos do mar nos distintos segmentos de poboación.
Entre os expertos participantes neste evento --que se celebra desde o pasado martes ata o vindeiro domingo-- estivo a presidenta do comité científico da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis, que destacou o alto valor nutricional dos peixes e mariscos e os seus beneficios para a saúde en todas as etapas da vida.
Nesta liña, a profesora e doutora --que dirixiu o simposio Pescado e saúde na Dieta Atlántica desde a infancia ata a terceira idade-- subliñou que Galicia conta cunha estratexia de promoción do consumo dos produtos do mar dirixido ás diferentes franxas de idade da poboación, e detallou varias das iniciativas impulsadas pola Consellería que dirixe Rosa Quintana.
O Congreso Mundial de Nutrición é unha cita de referencia internacional que acolle a preto de 4.000 participantes de diferentes países do mundo e que permite establecer sinerxías con axentes de diversos ámbitos como o científico, o empresarial ou o da restauración.
Esta cita conta cun amplo programa con alcance e influencia noutros ámbitos de actividade como o da sustentabilidade e a innovación económica ou o deseño de políticas nutricionais e de seguridade alimentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.