Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/12/2022 | Actualizada ás 10:45
"Vivimos un tempo de emerxencia planetaria. Cómpre pór fin á guerra contra a natureza. Pór fin aos procesos de extinción. Acabar cos asasinatos ecolóxicos en masa contra a Outra Xente", así comeza o 'Manifesto da Outra Xente'. Un documento asinado xa por máis de 60 persoas do mundo cultural e científico e promovido por Antonio Sandoval e Manuel Rivas.
O manifesto, en sete idiomas diferentes do Estado, alerta sobre os riscos de perdermos a nosa biodiversidade. "É hora de descolonizar e desescravizar a nosa mente. O respecto á Outra Xente, á natureza, é tamén a nosa emancipación. Sen a biodiversidade non haberá lugar para o ser humano", continúa o texto que se pode ler en galego, español, catalán, euskera, asturianu, aragonés e llionés.
Entre outras cuestións, o manifesto trata a posibilidade "dunha nova abundancia", faino indicando que "fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada debemos abrir paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia. Abundancia no benestar con e coa natureza. Temos que renaturalizármonos para reencantarnos coa nai terra".
"Chegou o intre de pensar en ampliar os dereitos da Outra Xente e espallar de modo universal leis que a defendan fronte a todo tipo de ecocidio", acrecenta o manifesto. O manifesto finaliza facendo unha chamamento a actuar: "Hai que actuar. O primeiro paso, a primeira revolución, é comezar a escoitar as voces da Outra Xente".
Entre os asinantes están Marilar Aleixandre, escritora e naturalista membro do Batallón Literario da Costa da Morte; o actor carnotán Miguel de Lira; Pepe Formoso, empresario de turismo ecolóxico, profesional da comunicación; Xosé A. Fraga, historiador; Rafael Lema Mouzo, escritor, investigador, hostaleiro; Suso Lista, escritor ou Héctor Pose, docente, escritor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.