Continúa a problemática sobre o antigo Peleteiro en Santiago: a proposta do Concello non deixa a ninguén satisfeito ao 100 %

Este mércores debaterase no pleno a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2022 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou este luns en rolda de prensa tras a xunta de goberno que a solución que propón o goberno local para o antigo Peleteiro "trata de mellorar a todos, pero non obtén o 100 % da conformidade de ninguén".

Así, o mércores irá a pleno a modificación puntual da PXOM para desbloquear a 'Operación Peleteiro', coa que se abre un prazo de exposición pública do documento e suspéndese "de forma temporal" a concesión de licenzas.

Desta forma, na proposta do Concello recóllese unha "gran praza pública" a un único nivel, orientada cara a San Pedro de Mezonzo e cunha conexión con República Arxentina de 20 metros de apertura. Así, será a rúa "máis ancha" do Ensanche.

A reordenación "reduce considerablemente a superficie" edificable total sobre rasante, que pasa de 23.500 metros cadrados a 19.900, "incrementándose significativamente" a capacidade de uso residencial.

Esta operación, destacou Bugallo, servirá "para impulsar" o Ensanche coa apertura desa praza pública orientada cara a San Pedro de Mezonzo de 49 metros de ancho na que se situará tamén unha zona verde. Ademais, haberá unha apertura de 20 metros cara a República Arxentina cunha rúa "máis ancha" que calquera outra do Ensanche.

"Tratamos de buscar unha solución que cumprise a edificabilidade e a redución de edificabilidade que dalgunha maneira estaba pactada coa empresa e os usos previstos, pero a empresa non está de acordo porque eles entenden que necesitan unha altura máis", indicou Bugallo.

Ademais, fixo referencia aos veciños da Rosa e sinalou que "teñen unha mellora clara", xa que ten catro metros de altura menos dos que están previstos na PXOM.

Así, o alcalde sostivo que "non se atreve" a dicir que satisfaga plenamente a ninguén. "O punto en común menos prexudicial e o máis conveniente para todos é o que buscamos atopar e a nós parécenos imprescindible pór a andar a operación", esgrimiu Bugallo.

Con todo, indicou que ata o momento esta é unha "discusión de despacho, pero non se dá resolto", co cal afirmou que se o pleno a aproba o vindeiro mércores, sairá a exposición ao público.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este venres
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este venres | Fonte: Concello de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta