Por Galicia Confidencial | Teo | 21/12/2022 | Actualizada ás 21:00
As ‘árbores de noso’ son unhas estruturas decorativas de Nadal, realizadas polo artesán local Rodrigo Mosquera, que comezaron a instalarse en Teo no ano 2021. A iniciativa ten como finalidade que a decoración das mesmas se faga en comunidade. Este ano, a inauguración destas árbores --colocadas en oito áreas comerciais do concello-- fíxose os días 16 e 17 de decembro, xornadas nas que tamén houbo cantos de Nadal de asociacións locais e chocolate para as persoas que participaron.
A novidade deste ano foi que as árbores tiñan unha sorpresa literaria. Cada árbore contén un conto dunha escritora teense. "Trátase dun proxecto do que nos sentimos moi orgullosas xa que podemos amosar unha parte da riqueza cultural do Concello vinculala con estas datas de Nadal" destacou María López, concelleira de Cultura.
Cada árbore contén un conto dunha escritora teense
As persoas que se acheguen ás árbores poderán descargar un código QR e ir escoitando as obras contadas polas propias autoras. Un total de oito escritoras, escollidas pola temáticas das súas obras ao ter que ser de literatura infantil.
As autoras que participan nesta iniciativa son Claudia Castro, Antía Otero, Charo Baleirón, Mercedes Pacheco, Patricia Gallego, Paula Carballeira, Beatriz García e Carmen Domech.
Todas elas amosaron a súa "honra e satisfacción por participar nesta idea que vai converter a literatura infantil nun adorno de Nadal". A concelleira María López, salienta tamén "o profundo agradecemento ás escritoras pola súa disposición e polo seu traballo".
AGASALLOS Á CATIVADA
O círculo pecharase ademais na tarde de Reis cando as súas maxestades entreguen como agasallo a cada crianza un dos libros dalgunha das autoras que participan nesta idea.
As gravacións dos contos, ademais de poder escoitalas accedendo a cada árbore, poden escoitarse na web denoso.teo.gal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.