Se fas estudos artísticos aínda estás a tempo de pedir as bolsas Fulbright para estudar en EEUU

Os interesados en optar á bolsa poden solicitala ata o próximo 12 de xaneiro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2022 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, animou aos mozos a participar nas bolsas Galicia-Fulbright para completar estudos artísticos en Estados Unidos.

Estas axudas son convocadas de forma anual en colaboración coa Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e Estados Unidos de Amercia, Comisión Fulbright.

Así, no acto, celebrado na Cidade da Cultura, estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director executivo de Fulbright España, Alberto López, así como algún dos seleccionados nesta convocatoria, de edicións pasadas e outros que actualmente se atopan en Estados Unidos.

Alí, Rodríguez indicou que esta experiencia é unha "oportunidade para ampliar a súa cualificación e para avanzar na súa especialización" e referiuse a as palabras dunha das persoas presentes no acto, ao que lle foi concedida a bolsa noutra convocatoria, que remarcou que "ter unha bolsa Fulbright é ter o Óscar en educación".

"Fulbright abre as portas que sería moi difícil de forma individual que as persoas que participan neste proxecto póidano facer", sinalou Rodríguez, á vez que apuntou o calado que teñen as diferentes institucións ás que poden acceder os bolseiros.

Desta forma, os que xa accederon a esta axuda destacaron a súa experiencia --"Isto cámbiache a vida para sempre", recoñeceron-- á vez que animaron á xente que se apunte, xa que "é o mellor que che pode pasar".

Ademais, o conselleiro definiu estas bolsas como "un dos máis recoñecidos e celebrados programas de mobilidade educativa de todo o planeta" e lembrou que nos últimos 30 anos participaron relevantes profesionais galegos que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional. Así, estas bolsas céntranse na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional.

SOLICITUDE ATA O 12 DE XANEIRO

Os interesados en participar nesta terceira convocatoria poderán solicitala ata o próximo 12 de xaneiro na web da Comisión Fulbright. A duración da bolsa é de entre seis e 12 meses continuados, que os seleccionados poderán gozar entre agosto de 2023 e decembro de 2024.

A Xunta achega 140.000 euros, o que supón case o 75% do total. Estas cantidades son destinadas aos gastos de viaxe, manutención, gastos de proxecto, matrícula, así como taxas obrigatorias. En canto á comisión Fulbright, colabora con 50.010 euros para os gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia.

Ademais, Fulbright é a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros, faise cargo da xestión dos visados, de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos.

O conselleiro de Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na presentación da terceira convocatoria das bolsas Fulbright. XUNTA
O conselleiro de Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na presentación da terceira convocatoria das bolsas Fulbright. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta