A Galicia baleirada: As comarcas de Vigo e A Coruña concentran case o 40% do PIB de Galicia

As sete grandes cidades concentran o 44,7% do PIB de Galicia en 2020. A Paradanta, Terra de Celanova, Muros e O Condado están entre as comarcas con menor actividade produtiva por habitante. En todas elas o PIB por habitante é inferior ao 60% da media de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/12/2022 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

As sete grandes cidades concentran o 44,7% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia en 2020, segundo a información que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Vigo é o concello con maior nivel de actividade produtiva, cun PIB de 7.759 millóns de euros, seguido da Coruña, que xerou 6.786 millóns de euros. Entre ambos achegan o 24,8%. O terceiro en xeración de valor engadido é Santiago de Compostela, que en 2020 xerou 3.593 millóns de euros. Despois sitúase Ourense con 2.300 millóns e a continuación Lugo, Pontevedra, Arteixo e Ferrol.

O Porriño e Oleiros completan a táboa dos dez primeiros concellos por volume de actividade económica. Pola súa banda, Muras é o concello con maior PIB por habitante en 2020 (88.338).

POR COMARCAS

A comarca da Coruña é a principal de Galicia en termos de actividade económica. En 2020 xerou un PIB de 11.306 millóns de euros, o que representa o 19,3% do total de Galicia. Con respecto ao 2018, a actividade reduciuse un 9,4%.

A de Vigo tivo un PIB de 10.709 millóns, que representa un 18,2% do total galego e entre 2018 e 2020 caeu un 0,1%.

As seguintes comarcas en orde de magnitude son as de Santiago, Ourense, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Estas sete comarcas achegan o 65,3% do PIB galego e en todas o nivel de actividade reduciuse con respecto a 2018.

Vista aérea da terminal de colectores do Porto de Vigo
Vista aérea da terminal de colectores do Porto de Vigo | Fonte: Autoridade Portuaria de Vigo

Fóra das comarcas cuxa cabeceira é un do sete grandes concellos galegos, destacan O Salnés, O Morrazo e Barbanza. A suma deste tres representa o 7,5% do PIB de Galicia.

PIB POR COMARCA

A comarca de Sar presenta un PIB por habitante de 28.291 euros, case o dobre da media de Galicia. A comarca da A Coruña rexistra a segunda cifra de PIB por habitante con máis de 28.024 euros.

As de Santiago e Terra de Trives sitúanse en terceiro e cuarto lugar respectivamente, mentres a comarca de Vigo é a quinta cun PIB por habitante de 25.772 euros.

A Paradanta, Terra de Celanova, Muros e O Condado están entre as comarcas con menor actividade produtiva por habitante. En todas elas o PIB por habitante é inferior ao 60% da media de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta