Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/01/2023 | Actualizada ás 13:36
O ciclo da Festa dos Mundos 'Suseia et Ultreia. Todos os pobos, linguas e tribos' traerá este 2023 a Galicia cinco artistas de renome internacional. O cantautor do Bierzo, Amancio Prada, inaugurou esta pasada semana en Ourense este proxecto, deseñado para fixar unha ponte entre a celebración do pasado e o próximo Ano Xacobeo. O cartel tamén inclúe á portuguesa Ana Moura, á arxentina La Yegros e á estadounidense Leyla McCalla, ademais da banda ucraína Dakha Brakha, como mostra da solidariedade e apoio de Galicia cara ese país.
Patrocinado polo Xacobeo, o ciclo pon o acento no recoñecemento a aquelas persoas que acudiron a Santiago nestes dous anos de celebración, con música representativa dalgúns dos territorios que máis visitantes achegaron. Con ela quérese celebrar a diversidade como motor de creación, a tolerancia e o recoñecemento mutuo entre as culturas dos Camiños de Santiago.
Nos concellos da Coruña, Vigo, Santiago e Ferrol, que colaboran no ciclo, será onde se celebren os próximos concertos, dos que xa están á venda as entradas para ver actuar a DakhaBrakha, o 20 de xaneiro no Teatro Colón da Coruña, e Ana Moura, o 24 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo.
Aquí che deixamos os artistas internacionais confirmados para que botes un ollo:
- DakhaBrakha: O inclasificable cuarteto de folk-punk de Kiev, refuxiado pola guerra, leva á Coruña o seu fascinante 'etno-caos' nun dos tres únicos concertos previstos en España este 2023 de banda máis famosa de Ucraína. A súa música, diferente a todo o existente, é un transo de asombrosa beleza, decididamente libre e comprometido, coa que teñen visitado festivais tan prestixiosos como Glastonbury, Bonaroo ou Transmusicales.
- Ana Moura: A famosa fadista que está a reinventar o 'blues portugués' con ritmo como o kizomba, a samba ou o trap, que cantou con Prince, os Rolling Stones ou Caetano Veloso, chega a Vigo con 'Casa Guilhermina', o seu novo álbum. Liberdade, creatividade e unha visión na que a tradición e a alma atemporal do fado van da man da modernidade, son as claves do novo traballo da artista portuguesa.
- La Yegros: A raíña arxentina da cumbia trae á Sala Capitol de Compostela a súa mestura de folclore suramericano con ritmos vangardistas nun dos concertos previstos na xira do décimo aniversario de 'Viene de mí', o disco que a situou no punto de mira. La Yegros ofrecerá o seu talento, enxeño e carisma nunha actuación retrospectiva na que ofrecerá novas versións das súas cancións máis coñecidas.
- Leyla McCalla: Unha música cativadora, cun traballo melódico rico, sofisticado e ritmos afrocaribeños embriagadores, unidos á xustaposición de voces (inglés e kreyòl, persoal e político, anecdótico e xornalístico), son a fascinante herdanza desta estadounidense de profundas raíces haitianas. 'Breaking the thermometer' (2022) é o seu persoal axuste de contas coa memoria e a identidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.