Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 12:46
A portavoz do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, pediu ao goberno local de Compostela unha resposta "importante" e "rápida" tras as últimas liortas ocorridas no Ensanche, con dúas pelexas a navalladas que deixan un falecido e un ferido grave.
Nun almorzo informativo, Sanmartín apremou ao executivo de Xosé Sánchez Bugallo a actuar, xa que "hai moita sensación de inseguridade entre a cidadanía" da capital de Galicia.
Neste sentido, considera que "é fundamental unha maior e mellor coordinación", de forma que "haxa unha resposta importante por parte do goberno respecto diso de cuestións de violencia e tráfico de drogas, de temas que teñen que ver con problemas nas rúas", de maneira "moi particular" no Ensanche. "Son situacións que non se poden tomar como feitos illados", avisa.
Igualmente, a portavoz nacionalista desexou unha pronta recuperación ao novo ferido por unha navallada na madrugada do domingo, "froito dunha pelexa, unha situación violenta que leva preocupando nos últimos tempos en Santiago de Compostela.
REFORZO SEGURIDADE
Por outra banda, a Policía Autonómica, con competencia en menores, sumarase á Local e a Nacional nos dispositivos especiais de seguridade do fin de semana en Santiago, tras os dous acoitelamentos ocorridos na última semana. Os dispositivos concretaranse "nos próximos días".
A subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, e o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, reuníronse este luns para analizar a situación e mandar unha "mensaxe de tranquilidade" aos veciños. Así, incidiron en que "son casos illados, a pesar de producirse en datas moi próximas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.