O estado da estrada A-52 supón un perigo para centos de condutores a diario, segundo expón o BNG

O deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas de urxencia ante a "falta de mantemento" da vía, especialmente, entre a cidade de Vigo e o municipio da Cañiza, onde a fin de semana pasada se produxo un "tráxico" accidente á altura de Salvaterra do Miño.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 13/01/2023 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas de urxencia ante a "falta de mantemento" na A-52, especialmente, entre a cidade de Vigo e o municipio da Cañiza.

Así, a fronte nacionalista demandou un "calendario específico" para a intervención do Goberno do Estado, por ser unha infraestrutura de titularidade estatal, nesta vía para reparar o firme, medianeiras e a sinalización, así como "corrixir as principais deficiencias detectadas".

O BNG lembra o "tráxico" accidente da pasada fin de semana á altura de Salvaterra de Miño, que "evidenciou o estado de abandono desta vía de comunicación por parte do Goberno", polo que o BNG entende que o Ministerio de Transportes "debe actuar de maneira inmediata ante as numerosas deficiencias que presenta a estrada".

"O mal estado do valado de protección en moitos puntos sinalados con conos, a deterioración do firme e os desprendementos son algúns dos principais problemas", denuncia Rego, que se fai eco de que no punto no que se produciu o accidente producíronse varios sinistros a semana anterior que derrubaron a medianeira.

"Queremos coñecer os motivos do atraso polos que o servizo de mantemento da vía tardou 15 días en colocar un reforzo provisional", salientou o deputado do BNG, quen lembra que é "urxente" a reparación desta vía, que usan "centos de persoas" diariamente.

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta