Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2023 | Actualizada ás 15:18
A Xunta deu o pistoletazo de saída á cuarta edición do concurso 'Pilabot' en 150 centros de ensino galegos, co obxectivo de concienciar aos máis novos da importancia da reciclaxe de pilas.
O certame, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos xestores autorizados na comunidade --Ecopilas, ERP e Ecolec--, busca fomentar a reciclaxe deste tipo de residuos entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, á vez que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.
Os centros competirán entre si ao longo de seis semanas lectivas para conseguir as mellores cifras de recollida de pilas, acumuladores e baterías en desuso, que son dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.
Deste xeito, o catro centros gañadores repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios. Dous deles de 2.500 euros, un para o centro que máis quilos recupere e outro para o que teña mellor taxa de recollida por alumno. Os outros dous, de 1.250 euros, serán para os segundos clasificados nas anteriores categorías. Os premios deberán destinarse, en calquera caso, á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.
Paralelamente, tamén está prevista a realización de talleres educativos no medio cento dos colexios participantes, como xa ocorreu na edición anterior. O obxectivo é pór en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade de garantir a súa correcta reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa destes centros na campaña.
Paralelamente, tamén se celebrará unha nova edición do concurso artístico '#Eusonpilabot', dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes. O próximo 23 de febreiro abrirá o prazo de inscrición, para o que haberá que enviar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 da ONU.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.