O artigo 14 da Constitución defende e garante a igualdade de todas as persoas, e os temas de alcoba son do ámbito estritamente privado, e o dereito á intimidade debe ser garantido. Expoñía o líder político que talvez esas novas políticas só obedecían a unha manobra básica do liberalismo económico: desviar a atención sobre os problemas básicos da clase traballadora, e crear novos imaxinarios sociais que ocultasen a realidade do capitalismo.
James Petras (Vide. Informe Petras) coincidía coa visión de Julio Anguita: para ocultar a acumulación de Capital en prexuízo das clases medias e traballadoras, os liberais de Europa e as súas “terceiras vías”, creaban reclamos inexistentes e alleos á problemática imperante. Así embaucaban aos bienintencionados. Petras insistía que temas como a legalización de drogas, ou a creación de colectivos novos como obxectivos de loita grandilocuente, non eran máis que outra de tantas falsidades do capitalismo para desviar a atención sobre os recortes de dereitos e salarios dos traballadores.
Tomas Piketty na súa obra Capital e Ideoloxía expón que a concentración de riqueza actual é a maior desde o século XVIII. O turbo capitalismo está en pleno apoxeo, e non coñece límites. A súa imposición da libre circulación de capital e mercadorías eliminando as soberanías nacionais e a imposición da libre circulación de persoas por todos os países, son políticas necesarias para seguir coa acumulación de capital. E as clases medias desaparecen.
Unha cousa curiosa e simpática aconteceu nos últimos 20 anos: os que se opoñían ao Capitalismo, e denunciaban as súas manobras de distracción eran descualificados como comunistas. Hoxe son Fachas. Todo o que expoñía Julio Anguita acababa coa famosa resposta de Felipe Gonzalez: Vostede é un comunista! A réplica sobre o articulo 14 da constitución, defensa dos traballadores, sempre tiña como resposta: Vostede é comunista! Hoxe a resposta é Facha!
Venceron os Liberais. Triunfaron. Vitoria total, e hai que recoñecelo. A rendición da esquerda foi incondicional. Hoxe non existe. Morreu. Gustavo Bueno defínea como Esquerda Indefinida: turbo capitalista e centrada en políticas liberais Made EUA. Hoxe, 30 anos despois, asistimos á imposición das mesmas políticas para desviar o debate sobre a cuestión básica, e que non é outra que a eliminación da clase media.
¿Quen é o suxeito máis interesado na imposición desas ideoloxías liberais de distracción? - EUA. Vexámolo: Na páxina WEB da embaixada de EUA de España, o pasado día 6 de xullo de 2021 expoñía: “reafirmamos o noso compromiso de solidarizarnos coas persoas LGTBQI+ en todo o mundo, na súa loita continua contra a discriminación e a inxustiza”. 8 de outubro de 2022: “O FBI participou nunha xornada sobre delitos de odio organizada hai uns días pola Comunidad de Madrid e Transexualia”. 10 de febreiro de 2020: “a defensa dos dereitos LGBTI é fundamental non só para a nosa Embaixada, senón para todas as Misións Diplomáticas estadounidenses no mundo”.
Todos somos iguais ante a lei sen que poida existir discriminación algunha por razón de sexo ou orientación sexual. É un dereito básico. Máis como podemos observar, talvez os EUA usan a certos colectivos para facer campañas a nivel mundial, tapando, encubrindo, as vergoñas da política capitalista. En España asistimos día a día ao empobrecemento da clase media e traballadora. E asistimos como ante esa pobreza, o Réxime do 78 vasallo de EUA, recorre a discursos varios para tapar a explotación. Con esa manobra de distracción os capitalistas de España distraen ao pobo. E gañan eles.
Julio Anguita e James Petras entre outros, descubriron hai décadas a nova ocorrencia do capitalismo. E foron derrotados. O Réxime do 78 e a sua partidocracia servos de EUA son totalmente liberal-capitalistas. As súas políticas de distracción son moi boas. A súa vitoria é total e abafadora.