Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 18:08
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, mantivo encontro de traballo coas directoras de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia para avanzar na procura de solucións que eviten a degradación da Ribeira Sacra. Durante o mesmo, segundo o organismo dependente do Goberno central, houbo "receptividade e sintonía" entre as partes, tanto en canto á análise como nos obxectivos a conseguir.
"Neste momento existe un número importante de infraestruturas sobre o río e un volume aínda maior de peticións que perturban a paisaxe natural orixinal e así o expuxen na reunión mantida coas directoras xerais de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia", explicou Quiroga, quen apuntou que "é necesario estudar a problemática e traballar coordinados".
O presidente da CHMS xa informou en decembro sobre a suspensión temporal de autorizacións administrativas na Ribeira Sacra, na contorna do río Miño e Sil para poder estudar en profundidade a problemática e articular, entre as distintas administracións e sen dilación, alternativas e/ou solucións que permitan potenciar un turismo de calidade nunha zona singular de Galicia que conta co río como eixo principal.
"Desde a CHMS continuamos traballando co ánimo de potenciar a marca Ribeira Sacra en consonancia co seu valor ambiental, paisaxístico, etnológico e patrimonial", incidiu o presidente.
CONTRATACIÓN DUN PLAN
Por iso, iniciouse o procedemento de contratación da "Redacción dun plan de ordenación da navegación e a atracada" que evite a deterioración do DPH e dos ecosistemas asociados e que cre un marco de goce do río baixo un modelo de navegación non invasivo e sustentable.
Neste sentido, para desenvolver este plan, acordouse constituír unha mesa de traballo nas que estarán representadas as administracións estatal e autonómica, con competencias no territorio, co interese de avanzar con celeridade no deseño de necesidades e solucións para esta zona protexida, de referencia a nivel mundial e na que, en palabras de Quiroga, o turismo "constitúe un recurso económico fundamental".
"Esta planificación, que harmonizará o uso sustentable do río en consonancia cos valores paisaxísticos e patrimoniais da Ribeira Sacra, resulta imprescindible no contexto de presentar de novo a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.