Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 19:32
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sumarase ás reivindicacións do 11 de febreiro, 'Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia', a través de diversos actos conmemorativos en facultades e institutos para reducir a brecha de xénero en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM), xa que menos do 30% do alumnado dalgunhas disciplinas deste ámbito son mulleres.
A delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, asegurou que o 11-F constitúe unha "celebración moi necesaria" se se ten en conta os datos de distribución por xénero do alumnado en diferentes carreiras relacionadas coas CTEM durante o curso 2021/2022.
A porcentaxe de alumnas na área de enxeñaría e no dobre grao en Matemáticas e Física non alcanza o 30 por cento, mentres que os graos en Robótica e en Enxeñaría Informática, son os que contan cunha menor participación feminina con 13,24 e 16,52 por cento respectivamente.
En canto ao profesorado, Pereiro desvelou que as mulleres docentes na área de Enxeñaría e Arquitectura non chegan ao 25 por cento. Por este motivo, a partir do 10 de febreiro na Facultade de Ciencias exhibiranse nas pantallas forografías que outorguen visibilidade á actividade investigadora das mulleres que traballan no centro.
Ademais, a partir desa data a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) albergará a exposición 'A Muller e a Meniña na Enxeñaría e na Ciencia'. Nese mesmo lugar e data, a USC organizará tamén o acto simbólico de nomeamento do aulario 'María Teresa Villarino Valdivieso', "primeira enxeñeira de montes de Galicia".
Pereiro afirma que a presenza de "estereotipos de xénero" e a "ausencia de referentes femininos" en ciencia e tecnoloxía son algunhas das causas que provocan esta desigualdade. Por isto, a delegada defende que esta brecha se debe pechar na educación primaria e secundaria, "incentivando a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais de xénero" con programas destinados a institutos e colexios.
ACTIVIDADES PARA O 11-F
'Unha enxeñeira ou científica en cada cole' é un dos proxectos que a USC ten preparado para esta data. Esta oitava edición chegará a 55 colexios de toda Galicia con talleres lúdicos e que esperten o interese do alumnado e outorguen visibilidade aos diferentes referentes femininos.
Este formato volverá ser presencial na área de Compostela, mentres que no resto de Galicia estas actividades realizaranse con material 'en liña' e a trvés de diferentes vídeos didácticos na aula.
Así mesmo, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae), ofrecerá unha 'Masterclass de Física de Partículas' a alumnas de primeiro de bacharelato de institutos de Galicia. Esta práctica consistirá nunha práctica con computador por grupo con "datos reais" dun experimento da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.