Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2023 | Actualizada ás 17:19
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou que "antes do verán" realizaranse xornadas de "formación e de información" para analizar as pautas de actuación ante casos de acoso ou violencia sexual ás mulleres nos locais de lecer, nas que participarán as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, incluída a Policía local, e o sector hostaleiro.
Así o manifestou tras un encontro mantido coa Federación de Hostalaría de Galicia para "pór en valor os protocolos e as liñas de acción" nas que están a traballar para abordar as agresións sexuais neste tipo de establecementos. Miñones sinalou que esta reunión foi "frutífera e moi positiva" e enviou á cidadanía unha mensaxe "clara e firme de unidade e de tranquilidade" respecto dos casos de agresión.
En canto ás xornadas, o delegado explicou que o obxectivo é polas en marcha na primavera para que se celebren "antes do verán". A formación realizarase no catro provincias a través das subdelegacións do Goberno.
O presidente de Hostalaría de Galicia, Cheché Real, pola súa banda, recalcou que "a violencia sexa do tipo de sexa non a paramos se non a paramos entre todos" e destacou a "colaboración absoluta" entre a hostalaría de Galicia e a Delegación do Goberno.
No encontro, o delegado do Goberno tamén trasladou ás asociacións a 'Guía do Punto Violeta', que contén información práctica e protocolos de actuación destinados tanto a vítimas como a persoas que presencian unha agresión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.