O 'Fulión de Manzaneda' presente na EOI de Ponferrada

Para dar a coñecer este entroido, que conta co recoñecemento de 'Festa de Interese Turístico de Galicia', a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada organiza unha exposición fotográfica baixo a autoría de Carlos Hervella, director do xornal galego O Sil.

Por Galicia Confidencial | Ponferrada | 10/02/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Departamento de Galego da EOI de Ponferrada inaugura a vindeira semana unha mostra de cultura galega na que se dará a coñecer a través dunha exposición fotográfica o ancestral Fulión de Manzaneda.

Daniel Domínguez descansando despois de bailar nun Fulión. Foto: XMF
Daniel Domínguez descansando despois de bailar nun Fulión. Foto: XMF

Segundo indican dende este Departamento, "despois de anos nos que a pandemia non nos deixou abrir as portas e realizar actividades nas que a comunidade galega do Bierzo puidese visitarnos, chegou o momento". A cita será coa devandita mostra fotográfica que estará no vestíbulo da Escola a partir do 16 de febreiro, data na que será a inauguración contando coa presenza do seu autor, Carlos Hervella, director do xornal galego O Sil.

Con esta iniciativa búscase crear un espazo de convivencia que teña como eixo central a cultura galega, no que os alumnos e as alumnas da escola poidan compartir experiencias e creen vínculos que fortalezan o proceso educativo no que están inmersos. "Cremos que este tipo de actividades axudan a achegar dúas comunidades veciñas, a galega e a berciana, ambas cuns fortes vínculos culturais", sinalan dende o Departamento de Galego da EOI de Ponferrada.

"O FULIÓN NO ENTROIDO DE MANZANEDA"

Nesta exposición Carlos Hervella amósanos en imaxes tomadas durante moitos anos polas terras de Manzaneda unha festa tradicional e orixinal que conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.

A xornada de inauguración, o 16 de febreiro ás 18:00h, correrá a cargo da valdeorresa Débora Álvarez, mestra do departamento quen realizará unha visita guiada á exposición.

Tras a presentación, e na Biblioteca do centro, ofrecerase aos asistentes unha mostra dos doces propios deste tempo.

O aforo estará limitado e a reserva de entrada deberase facer ata o mércores 14 a través do correo electrónico seguinte: 24017503.gallego@educa.jcyl.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta