Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/02/2023 | Actualizada ás 17:10
A Policía Autonómica (UPA) reforzou o ano pasado a súa loita contra o furtivismo cun
aumento de inspeccións, rexistros e denuncias con respecto a 2021. Así o pon de manifesto o balance do que informou este xoves o Consello da Xunta, centrado nas actuacións desenvolvidas especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo ERPOL), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar.
Segundo o documento, ao longo de 2022 formuláronse 1.358 denuncias fronte ás 907 do
ano pasado, o que representa un incremento de case o 50%. O número de vehículos rexistrados medrou un 26%, con 1.939 fronte a 1.544, e as inspeccións pasaron de 2.082
a 2.849, un 37% máis. Estas accións deron como resultado 104 persoas investigadas ou
detidas, 6 menos que en 2021.
En canto aos operativos realizados o ano pasado, cómpre salientar os denominados Xuntos, feito en Ferrol, Mugardos e Narón sobre a extracción furtiva de vieiras e centolas e no que se investigaron catro persoas, e Salitre, tamén en Ferrol e Narón e sobre a extracción furtiva de vieira e ostra. Nesta última operación localizouse unha depuradora ilegal e o número de persoas detidas ascendeu a 16.
Destaca tamén o dispositivo no Portiño, desenvolvido ao longo da costa coruñesa con
motivo da extracción furtiva e sen control sanitario de percebe, co resultado de 31 persoas investigadas. A este súmanse o comiso de 1.370 quilos de centola nunha depuradora próxima a Ferrol e varias colaboracións transfronteirizas coa Policía Marítima Portuguesa.
Nestes resultados tamén contribúe o labor realizado polo equipo de especialistas en actividades subacuáticas, formado por cinco policías e que ten como obxectivo específico a loita contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños. Creado hai só un ano, realizou importantes actuacións e colaborou con distintos departamentos da Xunta, así como con outras institucións e corpos de seguridade en inspeccións, investigacións e buscas de persoas desaparecidas en medios acuáticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.