Isto é o que fai que 'Hacho' sexa un can único no mundo

É primeiro caso coñecido de cánido sen órgano vomeronasal

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2023 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

As formas, dise, quitan ou dan razóns, pero, ás veces, as apariencias agochan singularidades anatómicas ou morfolóxicas únicas, tal e como é o caso de Hacho, un can de caza, cruce de Pachón navarro, quen vén de converterse no primeiro caso coñecido de cánido sen órgano vomeronasal, segundo recolle ‘VetRecord’ nun artigo publicado por Susana Muñiz de Miguel, veterinaria que está a completar a diplomatura europea en Medicina do Comportamento Animal no Hospital Rof Codina.

'Hacho', un can único no mundo - USC
'Hacho', un can único no mundo - USC

O nariz bífido, os comportamentos agresivos e unha marcada falta de apetencia sexual actuaron como indicadores que delataron o segredo de ‘Hacho’, unha mascota única por ser o primeiro cánido identificado sen órgano vomerosanal e tamén sen ‘septum pellucidum’, tal e como se coñece o fino tabique situado na parte central do encéfalo.

A continuada observación das particularidades de ‘Hacho’ por parte da súa titora, que acolleu esta este animal cando apenas contaba con catro meses e non contaba como máis referenciais que o resto de individuos da camada e a familia de Cuenca á que pertencían, propiciou que Susana Muñiz optara por someter a tratamento farmacolóxico e de conducta a súa mascota, a fin de enmendar certos comportamentos.

“O tratamento xurdiu efecto”, lembra Muñiz de Miguel, aínda que “os problemas non desapareceron por completo”, dixo. Daquela, engadiu esta investigadora, decidín facerlle a Hacho unha resonancia magnética e un TAC coa pretensión de ter un coñecemento máis exhaustivo respecto das posibles causas da falta de habilidades sociais de Hacho e tamén en relación da súa hiperactividade, pois “o can non era capaz de durmir incluso despois de xornadas con importante actividade física”.

A realización das probas implicou a unha gran cantidade de investigadores e, as achegas realizadas por todos eles, sumadas ás probas anatómicas practicadas, permitiron identificar a Hacho como o único can coñecido que carece de órgano vomeronasal, unha eiva, que, segundo subliña Susana Muñiz, non afecta ao sentido do olfacto, pero si que condiciona moitas outras das súas condutas, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta