Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2023 | Actualizada ás 11:20
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) desenvolverá desde este luns unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses en Galicia. Os controis realizaranse ata o domingo día 19 de febreiro.
Segundo destacou a Delegación do Goberno, os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o adecuado funcionamento da iluminación.
Ademais, realizarán verificacións de carácter administrativo, coa examinación da documentación do vehículo e o permiso dos condutores; comprobarán os tempos de condución e descanso, así como o consumo de alcol; tamén vixiarán a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade.
A Delegación explicou que esta campaña ten unha especial incidencia en Galicia polo volume de liñas de transporte regular de viaxeiros, transporte escolar e de mercadorías que diariamente circulan polas estradas da Comunidade.
Así, segundo os datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a xaneiro deste ano en Galicia hai 15.765 empresas autorizadas para realizar ambos os tipo de transporte, maioritariamente loxísticas de mercadorías.
Do mesmo xeito, detallou que só en Galicia o transporte público de viaxeiros move 2,5 millóns de viaxeiros ao mes, ao que habería que sumar os viaxeiros de buses urbanos, rutas escolares e transporte discrecional, o que elevaría significativamente esta cifra.
En 2022, en Galicia faleceron tres persoas en tres accidentes relacionados con camións e sete persoas nun accidente de autobús producido no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade o día de Noiteboa.
CAMPAÑA ANTERIOR
Durante o sete días de duración desta mesma campaña o pasado ano (entre o 7 e o 13 de febreiro), os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron en Galicia a 3.108 camións e 187 autobuses.
Nestes controis resultaron denunciados 759 condutores de camións e 22 de autobuses por non cumprir algúns dos preceptos da normativa de tráfico e seguridade viaria. Estas denuncias materializáronse en 1.067 sancións relacionadas cos camións e 27 vinculadas aos autobuses.
As denuncias por exceso de horas de condución, seguidas por aquelas relacionadas con irregularidades administrativas na documentación ou por exceso de peso e mala disposición da carga, son as máis relevantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.