#sancheztienelacura, a resposta dos principais dirixentes do PPdeG aos problemas da sanidade galega

Os populares galegos utilizan o mesmo argumentario que os populares en Madrid para desacreditar aos milleiros de cidadáns que se manifestan por unha mellor sanidade pública. "A culpa é de Sánchez", é a principal mensaxe nunha campaña viral que os dirixentes deste partido inician en redes solicias.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/02/2023 | Actualizada ás 22:18

Comparte esta noticia

Conselleiros, altos cargos da Xunta, ex ministros, deputados en Galicia e en Madrid e alcaldes do PP saíron este luns nunha protesta coordinada xusto un días despois da masiva manifestación que tivo lugar en Santiago contra a política sanitaria da Xunta. Unha protesta, que a diferencia da deste domingo, preferiu as redes sociais e non a rúa e que tiña como obxectivo responsabilizar a Pedro Sánchez do que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fai en Galicia.

Participantes na masiva protesta de SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela
Participantes na masiva protesta de SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

#sancheztienelacura, baixo este cancelo Diego Calvo, Vicepresidente da Xunta; Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Ethel Vazquez, conselleira de infraestructuras; Rosa Quintana, conselleira do Mar; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Ana Pastor, vicepresidenta do Congreso dos Deputados; Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG e deputadas e cargos do PPdeG como Ana Vázquez Blanco, Susana López Abella, Raquel Toruiño, Pedro Pui, Alberto Pazos, Carmen Leyte ou José Manuel Balseiro. 

Entre os argumentos utilizados polos dirixentes populares; que a falta de médicos en Galicia e no conxunto do Estado é responsabilidade de Pedro Sánchez, que a sanidade galega ten os maiores orzamentos da historia, que Galicia está á cabeza das autonomías en pagar "mellor" aos sanitarios, a rede galega de centros de saúde é a "máis ampla" de España ou mesmo asociar a manifestación deste domingo a un partido político concreto.

ARGUMENTARIOS SIMILARES AOS OFICIAS

A campaña en redes sociais iniciada polos populares ten os mesmos argumentos que os expostos nos últimos días polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Sanidade. Entre eles, que a os médicos galegos están ben pagados, que hai o maior orzamento da historia do Sergas, que a protesta está politizada e que a resonsabilidade do que sucede é de Sánchez por non convocar máis prazas MIR.

Precisamente, Julio García Comesaña sinalaba este luns que a Xunta "por suposto toma nota" da manifestación celebrada o domingo en Santiago de Compostela pola sanidade pública, pero que o mesmo problema existe "noutras cidades" de España.

Ademais, insistiu en que a Xunta se manifesta "todos os días" a favor da sanidade pública a través do desenvolvemento das súas "competencias" e reivindicou que a Xunta conta este ano con "o maior orzamento" dedicado á sanidade pública --uns 5.000 millóns de euros-- e á Primaria --uns 1.500 millóns--. Por iso, o titular de Sanidade negou as acusacións de "recortes" e "privatización".

MANIFESTACIÓN "MANIPULADA"

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, foi máis lonxe e suxeriu a BNG e PSdeG que, máis aló de "manipular" e "capitalizar" electoralmente a manifestación, concentren as súas forzas en presionar ao Goberno que dirixe Pedro Sánchez co fin de que tome decisións estruturais que ven "imprescindibles" para liquidar as dificultades da sanidade pública.

"Lamentamos que esa preocupación dos galegos pola situación da sanidade pública sexa manipulada e capitalizada por BNG e PSdeG, unha oposición que, máis aló de convocar manifestacións críticas, apenas achegan solución algunha", dixo o portavoz popular.

ARGUMENTARIO DE MADRID

Os argumentos esgrimidos polos populares galegos coinciden, ademais, cos do PP de Madrid. De feito, o portavoz do comité de campaña de PP, Borja Sémper, asegurou que o problema da sanidade pública afecta a todos e non se pode circunscribir só a Madrid, tras a mobilización deste domingo que reuniu a miles de persoas en Cibeles. Tras asegurar que se necesitan máis médicos e iso corresponde ao Goberno de Pedro Sánchez, admitiu que á protesta de Madrid acudiu "moita xente" con "boa vontade" pero tamén hai "unha intencionalidade obvia" contra a presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xanc

O Sergas é o único sistema sanitario español que aplica o Cupo Autonómico na formación MIR. Mirade o BOE. O cupo autonómico é unha limitación que se poñen as autonomías para formar médicos. Podendo formar máis, forman menos. Investigade. O único que falou algo foi o PSdeG.

1 Moine

Que o PP é umha organizaçom criminal, nom há duvida, assi determinou-no a Justiça numha sentencia em Valência. O que de estranhar é que nom tenha sido dissolvido por lei. As competências de Sanidade no Estado espanhol correspondem às Autonomias; por tanto a desfeita na Sanidade galega é responsabilidade do PP, que leva governando Galiza desde sempre. Os galeg@s tenhem o votado. Para chorar há só um lugar: os cemitérios, por todo-lo demais se é responsável.