Por Moncho Mariño | Compostela | 14/02/2023 | Actualizada ás 22:00
Usuarios do Servizo de Oncoloxía do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), veñen apuntando unha baixa na calidade da atención prestada nesta área do hospital. Unha das usuarias, María, nome ficticio a petición dela, sinala a ausencia dun médico fixo que a atenda. “En novembro deixou de atenderme a doutora que levaba o meu tratamento e desde aquela xa pasei por catro doutores diferentes”.
A EOXI Santiago Barbanza pola súa parte, anuncia que xa conta co 100% do cadro de persoal estrutural que tiña, “e mesmo esta semana incorporarase un substituto para cubrir unha ausencia temporal que se ven de producir”. Así pois, sinala que todas as citas con posibilidade de seren atrasadas estanse a adiantar para a súa atención.
Os pacientes pola súa parte denuncian a dilación nos tempos dedicados á quimioterapia e as analíticas. “Antes nunha hora sabías os resultados, agora ten que pasar hora e media ou dúas horas para a mesma operación”. Tamén destacan os usuarios “que o persoal está sobresaturado, con ao mellor unha ou dúas enfermeiras por sala de tratamento”.
Ante este estado de saturación danse momentos en que “é moi difícil para enfermería traballar mesmo con situacións de desesperación e violencia verbal por parte de pacientes” apunta María. “Tamén o persoal ofreceu solucións aos seus superiores mais non aceptaron ningunha proposta”.
Fronte a isto o CHUS responde que, concretamente en oncoloxía “pospuxéronse consultas en casos nos que os oncólogos determinaron que non eran urxentes, sempre baixo criterio médico”. Estas medidas debéronse ao proceso selectivo de persoal nos centros do SERGAS. Esta situación trouxo unha serie de cambios (incorporacións e traslados) para aqueles profesionais que acadaron un posto estable por oposición. “Dentro deste proceso temporal foi necesario realizar axustes de axenda, priorizando as primeiras visitas e os tratamentos, e aprazando as revisións logo de comprobar a ausencia de síntomas e a normalidade dos estudos realizados”.
En tal caso, pacientes como María levan tempo esperando resultados das súas últimas probas. “Queremos un oncólogo ou oncóloga de referencia, queremos ter coñecemento do noso estado actual”, evitando así casos que poidan estenderse no tempo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.