Comunidade Enerxética de Vilarmaior, o primeiro paso para o autoconsumo veciñal en Galicia

A Asociación Veciñal A Armonía de Vilarmaior pon en marcha un proxecto de autoconsumo eléctrico en base a placas solares cuxo obxectivo é a reducción nos custos de consumo enerxético. Este importante paso dado nunha localidade galega podería animar a outras evidenciando así que é posible saír dos “circuítos” marcados polas grandes enerxéticas, aínda que estas non deixen de ter unha parte dentro deste mercado “alternativo”.

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A parroquia de Vilarmaior é o núcelo administrativo do concello co mesmo nome. Desde os anos 1980 a Asociación Veciñal A Armonía dinamizou o espazo co apoio da maioría dos e das veciñas. Froito disto foi a incorporación do alumado público no 1983. Mais agora, a mesma asociación busca arrincar un proxecto de autoconsumo eléctrico que permita ás familias da parroquia un aforro substancioso na factura da luz. Para iso pretenden desenvolver un campo de placas solares que proporcione enerxía eléctrica aos asociados, cortando en gran parte a dependencia das grandes compañías eléctricas.

Placas solares
Placas solares | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Actualmente calcúlase que o 70% das casas da parroquia de Vilarmaior son vivendas permanentes, mentres que o 30% restante é segunda vivenda. Con todo, Raimundo Sanmartín presidente da Asociación Veciñal A Armonía, destaca que “a ubicación deste lugar atrae a persoas doutros concellos porque é un lugar dormitorio con servizos e ubicado perto das praias de Miño”.

COMUNIDADE ENERXÉTICA

Dentro deste contexto “Xesús Castro (FAEPAC) fixo a proposta de crear unha comunidade enerxética, así foi como en outubro de 2022 comezamos a desenvolver o proxecto en que participarán 200 veciños, o 95% da parroquia” explica Sanmartín. O desenvolvemento desta idea partía da base de crear unha estación fotovoltaica para desenvolver “o consumo enerxético en cada unha das vivendas dos asociados que queiran unirse”.

Esta idea debía superar algúns pasos previos entre os e as veciñas, como explica Xosé Manuel Golpe, Técnico en Enerxias Renovables da FAEPAC. “Hai factores sociais que obrigan a explicar que facemos e por que creamos unha comunidade enerxética, un factor poden ser as barreiras culturais que poida poñer a xente máis maior”.

Superado ese primeiro factor “cultural”, está o reto de conseguir o financiamento que permita a instalación do parque fotovoltaico. “Existen axudas públicas mesmo da Comunidade Europea que poden cubrir un 60% dos custos. A outra parte deben cubrila os e as veciñas” e aí “pode haber xente que non queira ou simplemente non poida aportar o diñeiro suficiente por diversos motivos”.

A pesar disto, existen vías por onde achegar o crédito que falta mediante organismos como a Banca Ética. Esta última sempre aportará mentres haxa un beneficio social para a comunidade. A petición de créditos a entidades bancarias “normais” sempre será máis difícil ante un proxecto como o de Vilarmaior.

PARQUE SOLAR

“A instalación dunha placa en cada casa sairía moito máis cara que a creación dun espazo onde se instale un polígono de receptores solares” di Golpe. “Falamos dun aforro dun 35 ou 40% mensual da factura da luz, cousa que pode permitir a unión mesmo de PEMES instaladas aquí en Vilarmaior” di Sanmartín.

“Pensamos na creación dun parque de 1.000 metros cadrados para placas fotovoltaicas unidas á rede eléctrida para a distribución e a partír de aí faríanse descontos aos socios e socias que se unan á iniciativa”. Esta descrición feita por Raimundo Sanmartín sería a consecución dos diferentes pasos que levan dado para adiante desde A Armonía.

“Estamos na segunda fase, a de inscrición de persoas interesadas en participar no proxecto, ademais, houbo unha palestra informativa sobre como levar adiante esta inciativa e que foi impartida por Xesús Castro e Xosé Manuel Golpe” destaca Sanmartín. A última fase sería a concreción do parque solar para o que se están a buscar ubicacións.

Outra cuestión é o excedente de enerxía e que facer con el. “Temos varias opcións, vender ou ceder aos socios ou a outra xente que nun principio non se uniu ao proxecto mais como beneficio social”, como sería a cesión a familias en risco de exclusión.

Aínda así, e despois de que entrase en vigor o decreto 244/2019 sobre autoconsumo, eliminando o “imposto ao sol”, moitas das grandes distribuidoras parecen interesadas neste tipo de iniciativas de autoconsumo. “Algunhas poden asinar contratos con grandes comunidades produtoras quedando co excedente durante cinco anos” di Xosé Manuel Golpe.

A conclusión final é que o autoconsumo parece ser unha vía pola que, abaratando os custes da enerxía, as familias poden asentarse en núcleos de poboación relativamente pequenos, moito máis cando existen tanto plataformas interesadas en fomentar este tipo de consumo como que as grandes compañías tamén queren unha parte deste sistema de produción enerxética.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta