A Xunta vende as súas leis a medida das empresas para apostar pola colaboración público-privada

Conde di que o obxectivo é que a economía "siga avanzando".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/02/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor a colaboración público-privada e as axudas a sectores estratéxicos para que a economía galega "siga avanzando".

Así o sinalou en Vigo na súa intervención nun networking con empresas da zona, onde presentou o mapa de apoios que o Goberno galego ofrece ás compañías. Conde destacou os datos de exportacións de Galicia, xa que en 2022 aumentaron un 18,3%, ata alcanzar a súa "marca histórica" de case 30.000 millóns.

Para continuar esta senda, o vicepresidente primeiro indicou a importancia da axenda industrial para a Galicia do 2030 con apoios a sectores estratéxicos como o naval, a automoción, o biotecnológico ou o aeronáutico.

Francisco Conde explicou que, co obxectivo de captar investimentos, Galicia conta cunha lei de simplificación administrativa, con medidas como os proxectos industriais estratéxicos, as iniciativas empresariais prioritarias ou os proxectos de interese autonómico, así como a Oficina Galicia Empresa ou a sociedade público-privada Impulsa Galicia, que busca consolidar os proxectos industriais con interese por implantarse en Galicia.

Neste sentido, informou sobre as diferentes axudas que o Executivo galego ofrece ás empresas, pondo o foco na innovación como panca para seguir avanzando. Aquí, quixo deixar claro a importancia de eventos como o deste venres para coñecer as necesidades das firmas e así desenvolver subvencións acorde ao que buscan.

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, agradeceu a Conde a súa participación no acto e subliñou que as axudas públicas son unha gran ferramenta de financiamento para as compañías, polo que é necesario coñecer que ofrece a Administración para poder acceder a elas.

Francisco Conde e Jorge Cebreiros este venres en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Francisco Conde e Jorge Cebreiros este venres en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta