Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2023 | Actualizada ás 17:55
O Comité de empresa da CRTVG acaba de denunciar un novo caso de "represalia" contra un traballador do ente público por negarse a "manipular" unha noticia sobre a suba de prezos en Galicia. Segundo informa o órgano de representacion dos traballadores nun comunicado os feitos tiveron l ugar o xoves 16 de febreiro cando este redactor da RG recibiu unha comunicación empresarial na que se lle comunica o seu cambio ao programa Galicia Noticias da TVG, logo de case 25 anos prestando servizos na canle radiofónica.
"A comunicación producíase apenas 24 horas despois de que o traballador se negase a modificar a nova sobre a suba do IPC elaborada para o informativo Crónica das dúas”, denunician desde o Comité. A nova redactada polo xornalista comezaba dicindo: “Os prezos subiron en Galicia no mes de xaneiro un 6'4 por cento. En toda España, a suba foi do 5'9. Son os datos oficiais que hoxe publicou o Instituto Nacional de Estatística”. A coordinadora do informativo conminouno a modificala dicíndolle que a nova non podía ir así, “xa sabes”. O redactor negouse, respondendo que se había algún dato erróneo non tiña problema en modificalo, pero que el consideraba a nova correcta.
"Finalmente, despois da manipulación que alguén executou, a nova empezou dicindo: Dato definitivo do IPC... Os prezos subiron en xaneiro en toda España un 5.9% con respecto a hai un ano. A inflación subxacente, que non conta nin os alimentos frescos nin os carburantes, sitúase no 7'5%. O prezo dos alimentos segue disparado malia a rebaixa do IVE dalgúns produtos básicos... Os alimentos son un 15.4% máis caros que hai un ano... Abarataron tres décimas con respecto ó dato de decembro. En Galicia os prezos subiron no mes de xaneiro un 6'4 por cento”, indica o comunicado.
CAMBIO DE POSTO
Un día despois deste episoido, o subdirector de Xestión dos Servizos Informativos da CRTVG, Alejandro López Carballeira, comunicáballe o seu cambio inminente (o vindeiro luns 20 de febreiro) ao programa Galicia Noticias da TVG “para mellorar a súa produtividade”. O traballador manifestoulle a súa sorpresa e oposición ao cambio, logo de prestar servizos na radio dende os anos 90, e sen ter formación sobre a nova plataforma dixital implantada na TVG en 2018. "O cambio de adscrición de unidade orgánica, transmitida primeiro verbalmente,
foille comunicada por escrito pouco despois ao redactor por parte do director de Recursos
Humanos, Víctor Tubío", apunta o comité da CRTVG.
Por iso, o órgano de representación dos traballadores interpreta este cambio, susceptible de constituír ademais unha modificación substancial das condicións de traballo, "como unha clara represalia contra o traballador, crítico coas prácticas de manipulación na CRTVG". En opinión do comité, "estanse a vulnerar todos os códigos éticos da profesión xornalística e dereitos fundamentais protexidos constitucionalmente como a cláusula de conciencia e o dereito a informar libremente, sen poder ser represaliados ou prexudicados os e as profesionais por negarse a participar na elaboración de informacións contrarias aos principios éticos da comunicación".
A representación do persoal dos medios públicos transmitiulle á dirección da CRTVG a súa
condena radical destas prácticas de manipulación informativa e represión, que, di, "só contribúen a agravar o deteriorado clima laboral existente na Corporación, aínda hai pouco denunciado polo comité". "O comité insta aos representantes da empresa pública a cesar nos seus ataques e abusos continuos ás traballadoras e ás súas representantes e avanza a convocatoria de asembleas para dar unha resposta contundente que implique a todo o cadro de persoal".
RESPOSTA DA CRTVG
Pola súa banda, desde a dirección do ente público acalaran que o comunicado do comité, "unha vez máis, non se corresponde coa verdade". Nunha resposta remitida a Galicia Confidencial indica que a Corporación non fixo un cambio na xornada de onte, "fixo catro". "Dous redactores cambiaron á radio e dous á televisión e dixital, sen prexuizo por suposto de categorías laborais, horarios ou remuneracións", di.
Neste sentido, destaca que os cambios están planificados respondendo a necesidades do servizo e "veñen desenvolvéndose con asiduidade". "Por suposto, non se corresponden con ningunha clase de presunta casuística particular. Son innumerables os intercambios entre radio e televisión ao longo dos anos entre redactores, locutores, presentadores etc. Non so na CRTVG senón en calquera medio de comunicación audiovisual", engade.
Finalmente, aclara que "é potestade" da empresa á organización do traballo e que esta se fai "con todas as garantías legais, e é consultancial a calquera medio de comunicación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.