'Infesta non se contamina' organiza unha marcha para marzo contra o "incremento de contaminación de Betanzos HB"

Dende a plataforma recolléronse casi mil sinaturas que foron entregadas nunha demanda diante da Fiscalía de Medioambiente.

Por Galicia Confidencial | Betanzos | 18/02/2023 | Actualizada ás 21:37

Comparte esta noticia

A plataforma "Infesta non se contamina" apunta nun comunicado que convoca unha andaina para o 12 de marzo ante o que considera o incremento de contaminación da industria madeireira BetanzosHB nas últimas semanas. Ademais disto, desde a plataforma tamén denuncian as nulas actuacións do Concello e da Xunta de Galicia "a pesar das chamadas de atención e denuncias da plataforma e de persoas residentes na contorna".

Betanzos HB
Betanzos HB

O grupo veciñal lembra as numerosas denuncias e condenas a esta indústria ao longo da súa existencia e a pesar disto, as medidas para atenuar esta contaminación polo ar e os ríos, "son inexistentes". A instalación dunha nova caldeira anunciada pola empresa, non leva aparellado un plan de xestión da grande cantidade de resíduos, avisan desde "Infesta non se contamina".

Para o colectivo, a xestión actual dos residuos é claramente ineficaz, pois mesmo a depuradora non dá atendido con eficacia tal continxente de lodos que pasan a ser queimados na incineradora da fábrica. Isto provoca a emisión de cinzas graxentas que manchan cultivos e inmobles da zona e nalgún caso provocan verteduras en campos e acuíferos.

Dende a plataforma "Infesta Non Se Contamina" recolléronse casi mil sinaturas que foron entregadas nunha demanda diante da Fiscalía de Medioambiente. Á parte diso, tamén se entrevistaron coa Consellaría de Médio Ambiente da Xunta de Galicia, coa Reserva da Biosfera, cos diferentes grupos políticos e promovido unha moción no pleno municipal de Betanzos, "sendo todo elo infructuoso".

ANDAINA

Ante esta situación, "Infesta non se contamina" decide promover unha andaina o día 12 de marzo, que sairá ás 12:00 da praza dos Irmáns García Naveira (praza do Campo) e que rematará diante da fábrica de BetanzosHB.

Posteriormente trasladarán aos parlamentos galego e europeo a situación desta industria que "contamina sen sontrol e total impunidade por parte dos organismos públicos responsábeis, fundamentalmente a Xunta de Galicia, que subvenciona novos equipamentos a esta empresa con fondos europeos e non esixe as garantías medioambientais".

"Infesta Non Se Contamina" demanda no seu comunicado que a empresa produza, xere máis e mellor emprego, xere riqueza, pero sempre dentro das garantías medioambientais e a sostibilidade esixible a unha producción que BetanzosHB chama falsamente ecolóxica. Denuncian que BetanzosHB non é neste momento unha industria sostíble nin limpa e moito menos ecolóxica, "é unha industria con unhas instalacións vellas, degradadas e con unha maquinaria obsoleta que non garantiza unhas funcións ao nível das esixencias e directiva medioambientais europeas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta