Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 11:00
Patricia Castelao, que a semana pasada presentou a súa dimisión como cabeza de lista do BNG en Teo para as eleccións do 28 de maio, anunciou que tamén deixa a portavocía do grupo municipal e a súa acta como concelleira no Concello.
Confirmouno a través do seu perfil persoal de Facebook, xusto un día despois da asemblea local que a formación nacionalista celebrou para elixir á persoa que a substituirá á fronte da candidatura do Bloque para a cita electoral municipal. Concretamente, por unanimidade dos presentes na asemblea --"con ampla participación" segundo as fontes da dirección local-- foi elixido Eloi Devesa, que inicialmente estaba previsto que fose de número cinco da lista de Patricia Castelao, segundo outras fontes nacionalistas consultadas por Europa Press.
"Si, é certo, non vou como candidata do BNG de Teo e acabo de presentar a miña dimisión como portavoz e concelleira", confirma, na súa rede social persoal, Patricia Castelao, na que engade que está "convencida" de estar a facer "o correcto" nunha mensaxe que acompaña da súa canción "favorita", 'Tempestades de Sal' de Sés.
Nesta mesma mensaxe na súa rede social, agradece as chamadas de apoio e a confianza depositada nela. "Vémonos pola aldea, nos camiños e, como non, nas festas", afirma, despois de asegurar que "sempre" tentou "facer as cousas o mellor posible para o concello de Teo e para os veciños".
ELECCIÓN DE DEVESA
Mentres, Devesa foi elixido como cabeza de lista para candidatura do BNG nunha asemblea na que "agradeceu o apoio" recibido e a "confianza" mostrada nel. Ademais, manifestou sentirse "moi orgulloso" de pertencer a esta organización e dedicou unhas palabras de agradecemento e mellores desexos á anterior candidata.
Así mesmo, mostrouse seguro de que o BNG de Teo "estará á altura dun "equipo unido, forte, comprometido, capaz de afrontar as vicisitudes con naturalidade e con ganas de avanzar e ilusións para traballar". Na lista, acompáñanlle de número dous Noelia Castaño (de Reis), Óscar Antón Pérez (Cacheiras), Almudena Taboada (Cacheiras), Marcelino Rei (Vos Tilos), Daria Segade (Calo) e Irene Tato (Rarís), como número sete.
"ESTAR Á ALTURA"
Preguntada este xoves pola situación deste municipio, clave na comarca compostelá e que nas eleccións de 2007 conquistou o BNG por primeira vez tras ser gobernado historicamente polo PP; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a formación nacionalista "estará á altura do reto" das eleccións e evitou pronunciarse sobre a decisión "persoal" de Patricia Castelao e as "razóns" que a levaron a deixar este posto.
A dimisión de Patricia Castelao a pouco máis de tres meses das eleccións municipais obrigou á formación a buscar unha novo cabeza de lista, de aí a asemblea local da tarde noite do xoves, na que tamén se aproveitou para sacar adiante o primeiro tramo da lista.
A formación informou hai agora unha semana (o sábado) de que Patricia Castelao presentou a súa dimisión por "motivos persoais", pero hai voces internas que aseguran que se debe ás discrepancias que vén arrastrando o BNG neste municipio e sobre o que Ana Pontón non quixo pronunciarse este xoves (a preguntas dos medios) máis aló do reto que ten o BNG por diante en xeral.
"ÍMONOS A PRESENTAR COMO BNG"
Fontes consultadas por Europa Press indicaron que houbo intentos de diálogo entre 'ex' compañeiros de formación nacionalista -- moitos deles agora en Son de Teo a formación que goberna o concello-- coa mirada posta no 28 de maio, pero o BNG local asegura que esta cuestión non se levou á asemblea local.
A este respecto tamén foi preguntada a portavoz nacional do BNG este xoves e respondeu que o BNG "hai moito tempo que decidiu que se vai a presentar como BNG", pero volveu asegurar que a formación ten "as portas abertas" a incluír no seu proxecto á "xente que queira construír" nel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.