Por Galicia Confidencial | Arzúa | 01/03/2023 | Actualizada ás 15:15
“Foron meses de traballo, máis do que a xente pensa, que comeza nada máis rematara a pasada edición coa avaliación do ano pasado”, comentaba o Alcalde de Arzúa, José Luis García, na presentación oficial do pasado 24 de febreiro.
Nesta edición haberá 53 queixerías presentes e un total de 68 postos con outros produtos, co cal o recinto feiral, Multiusos Terra do Queixo, está ao completo. O recinto estará dividido en 3 zonas: a zona A na que haberá unha selección de 9 postos de produtos artesanais gourmet (doces, chocolates, pastas, sidra, aceites, crema de castaña…), unha zona B con 11 queixerías da DOP Arúa-Ulloa, e a zona C na que se emprazarán 6 queixerías con certificado de Produtores Lácteos Tradicionais.
O pregoeiro, como xa anticipou este medio, será Tamar Novas, e no apartado de ‘Arzuáns do ano’ este ano levarán o recoñecemento: Granxa Ecolóxica Figueiroa –Premio Exceleite--, Jesús Mosquera, investigador natural de Viladavil, e Tania Taboada, xornalista nacida en Viñós con que tras o seu paso por diferentes medios de prensa e TV actualmente traballa no programa Espejo Público de Antena 3.
Como noutras ocasións, haberá un importante dispositivo sanitario e un punto violeta, e no apartado de programación o rexedor comentou que “buscamos grupos que coincidan coa tradición da festa e que encaixen en orzamento”.
Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa, agradeceu ao Concello o seu compromiso e comentou que “retomamos as catas comentadas para insistir na divulgación” lembrando tamén a colaboración co centro de formación profesional EFA Piñeiral, cos que farán unha actividade esta semana, así como o concurso de petiscos, con 18 establecementos inscritos.
Na presentación tamén interviñeron Alberto Alfonso, director do Festival do Queixo, e Aurora Varela, concelleira de Cultura. Alberto lembrou a participación dos carballeses “Apart”, gañadores do concurso ‘Queixo Maquetón’, de Muchachito Bombo Infierno, Leilía, Tanxugueiras, Moraima, We are not DJ’S e anunciou a presenza de Sidecars como primicia por ser o seu primeiro festival en Galicia co seu novo disco. Aurora Varela detallou o resto de actividades da programación que se poden consultar e descargar na web do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.