Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2023 | Actualizada ás 11:02
A organización Ecoloxitas en Acción criticou este mércores os novos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) que presentou o Goberno, asegurando que non mostran un "compromiso decidido" coa conservación do medio mariño xa que, ao seu xuízo, o Executivo central "cedeu" ante o "lobby" da pesca de arrastre e reduciu as zonas para eólica mariña.
Nun comunicado, as ecoloxistas mostran a súa preocupación con que o Goberno non expoña unha "ordenación real" do medio mariño e "cedese" ante as esixencias do sector da pesca de arrastre, xa que, na versión definitiva do documento, zonas que inicialmente estaban catalogadas como de uso prioritario para a eólica mariña, agora son de uso potencial, "unha decisión esixida polo sector pesqueiro".
Exoloxistas en Acción recoñece a importancia do despregamento da enerxía eólica mariña, renovable e de menor impacto ambiental respecto das enerxías fósiles ou nuclear, e que resulta "clave" na produción de enerxía ante a actual crise climática.
A pesar diso, subliña que o seu despregamento debe ir acompañado dunha regulación e control adecuados para evitar os movementos especulativos, "coa maior participación pública posible" para garantir a protección dos ecosistemas e a "xustiza social e climática". "Non se pode cometer o mesmo erro que en terra e entregarlle, sen máis, o recurso eólico ao oligopolio eléctrico", advertiu o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López.
Aínda que asegura ver "avances" nalgúns aspectos climáticos, a organización lamenta que os plans carecen de medias para a ordenación das masas de auga costeiras e de estuarios. Ademais, tampouco se establece unha normativa de prevención e control da calidade do aire nos portos.
"NON GARANTE A PROTECCIÓN DOS ECOSISTEMAS"
Con todo, outra organización ecoloxista, neste caso Salvemos Cabana, rexeitou os POEM polo seu "durísimo impacto" sobre a biodiversidade, ao considerar que converten o litoral galego nun "territorio de especulación para as grandes eléctricas".
Para a asociación, resulta "vergoñoso e inaceptable" que Galicia teña que acoller case a metade da eólica mariña que se desprega en toda España, á vez que xa é "totalmente excedentaria" no que a produción de enerxía se refire.
MINISTERIO
Por outra banda, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, lamentou este mércores a "demonización" que está a facer a Comisión Europea (CE) da pesca de arrastre e que afectará a gran parte da frota española.
"A demonización do arrastre como tal non ten sentido. Temos que ver cales son as modalidades afectadas e entendo a preocuapción que existe no sector, polo que estamos en contacto continuo tanto con confrarías como con Cepesca", subliñou Planas. O titular do ramo reiterou que o sector pesqueiro "vai anos por diante" que outros sectores en materia de sustentabilidade e lamentou que ao estar ao final da lexislatura na Comisión Europea chegaron " as présas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.