Unha opositora ao Sergas embarazada poderá facer o exame ata 15 días despois

O conselleiro destaca as medidas de conciliación do seu departamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) permitirá ás opositoras facer o exame ata 15 días despois no caso de estar de parto o día da proba, tal e como informou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PP Noelia Pérez no pleno da Cámara galega e tras lembrar que xa se despexaron as datas das oposicións, o responsable de Sanidade asegurou que "non se pode tolerar" que unha muller de parto tivese que pasar pola proba ese mesmo día.

"Por iso fixemos ese cambio e facilitaremos o exame noutro día por respecto á muller traballadora e embarazada", destacou en referencia a esta medida pola que poderán optar as mulleres que se atopen de parto e que desexen realizar a proba noutro momento.

Na súa intervención, así mesmo, Comesaña defendeu que o Sergas evita que a maternidade afecte as retribucións das empregadas da sanidade pública grazas ás medidas do seu primeiro plan de igualdade, presentado en xullo de 2021.

"Na actualidade, no Sergas as mulleres cobran non só o 100% das retribucións fixas durante os seus períodos de maternidade, risco durante o embarazo ou adaptación dos postos de traballo polo embarazo, senón que tamén perciben a media das retribucións variables cobradas o ano anterior. É dicir, non ven prexudicadas salarialmente por esas gardas ou quendas nocturnas que non poidan facer pola súa situación de xestación", sostivo.

Ademais, detallou que case 700 profesionais do Sergas percibiron estas retribucións durante o pasado ano, garantindo que o embarazo non afectou o seu salario.

Embarazada
Embarazada | Fonte: Europa Press-

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta