Ecoloxistas falan do "crime perfecto" das eólicas no mar coas aves mariñas en Galicia

ADEGA, FEG, G.N. Hábitat, SGO, SGHN e Verdegaia lembran a importancia de Galicia como lugar de paso de numerosas aves xa que está nun dos embudes de paso do Atlántico denominado “East Atlantic Flyway”, a ruta migratoria das aves que dúas veces ao ano voan desde o oeste de África ao norte de Europa e áreas próximas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/03/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O recentemente aprobado Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) plantexa como “Zonas de alto potencial para a conservación da biodiversidade” unha sucesión de áreas próximas a terra, nunha banda de anchura desigual estendida desde Cabo de Peñas até  as Rías Baixas, e unha zona illada xusto ao N de Estaca de Bares.

Ave mariña
Ave mariña | Fonte: ADEGA

Xa que logo, o POEM recoñece a importancia para as aves de todos os lugares nos que se fixeron investigacións. Pero inclúe boa parte desas augas exteriores en 5 “Zonas de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña” e, unha delas en Galicia, sería a de maior tamaño de toda España e conxuntamente representan o 54% da superficie destas zonas a nivel estatal.

Aínda máis, tres desas cinco zonas do POEM están xusto nun estreito corredor que quedou sen protexer entre a ZEPA que protexe o entorno de Estaca de Bares e a zona ao norte deste mesmo cabo que o propio POEM recolle como “Zona de alto potencial para a conservación da biodiversidade”.

O FUTURO DAS AVES EN PARQUES EÓLICOS

Está ben documentado que o risco de colisión de aves contra as turbinas eólicas é maior nos lugares con gran número de aves migradoras que, ademais, xunto coas invernantes presentan maiores taxas de mortalidade que as aves residentes. Precisamente, Galicia está nun dos embudes de paso de aves de maior responsabilidade conservacionista do denominado “East Atlantic Flyway”: a ruta migratoria das aves que dúas veces ao ano voan desde o oeste de África ao norte de Europa e áreas próximas.

Golfiños e aves mariñas danse un festín de bolos en augas galegas
Golfiños e aves mariñas danse un festín de bolos en augas galegas | Fonte: BDRI.

 

Lamentablemente, sábese aínda moi pouco sobre a importancia que teñen as augas exteriores (máis de 14 millas da costa) tanto para aves mariñas como para non mariñas, pois até alí non chegan os/as naturalistas. Por esa escaseza de información, só existe unha ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) en augas exteriores - no “Banco de Galicia”, xusto onde se investigou a presenza de aves -, mentres que próximas a terra hai 4 ZEPAs en Galicia, aínda que son insuficientes para protexer todo o Corredor Migratorio Mariño próximo á costa.

 

As organización ecoloxista ADEGA, FEG, G.N. Hábitat, SGO, SGHN e Verdegaia  destacan que, cando lle foi solicitada, a Xunta de Galicia nunca facilitou información sobre a mortalidade de aves (e morcegos) nos parques eólicos terrestres. Malia todo, sempre se pode dispoñer para isto de avaliacións independentes feitas por naturalistas ou asociacións ambientalistas. "Pero algo así non será posible para os parques eólicos mariños. Non haberá testemuñas incómodas para as grandes corporacións enerxéticas... Os ingredientes dun crime perfecto", denuncian nun comunicado conxunto para celebrar este 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego.

Polo dito, as asociacións asinantes esixen que, en aplicación do principio de prudencia, calquera planificación de parques eólicos mariños no sector noroccidental de Iberia conte previamente, como mínimo, "cun completo estudio previo da distribución estacional das poboacións das diferentes especies de aves mariñas que utilizan esta zona, así como das aves terrestres que o atravesan nas súas migracións".

AVES NO MAR DE GALICIA

Os ecoloxistas destacan que só a distancia visible desde terra transita cada ano por Galicia, nalgúns casos en primavera e outono (na ida e a volta das súas migracións), máis do 50% da poboación mundial de mascato común (Morus bassanus) e furabuchos balear (Puffinus mauretanicus); o 9-10% da poboación mundial de furabuchos atlántico (Puffinus puffinus), de pardela cincenta atlántica (Calonectris borealis) e de palleira grande (Catharacta skua); e por riba do o 1-5% da poboación mundial de mourelo común (Melanitta nigra), carrán común (Sterna hirundo) e carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)... E doutras especies.

"Todo isto fai do corredor migratorio de aves mariñas fronte ás costas de Galicia un dos máis importantes de Europa e do Atlántico, á altura do estreito de Gibraltar ou o Canal da Mancha", suliñan. Ademais, apuntan que varios estudos recentes salientan a existencia dun importante fluxo migratorio nocturno de aves non mariñas (terrestres e acuáticas) sobre do golfo de Biscaia. "Un exemplo: só no caso das aves terrestres que migran de noite entre o norte de Iberia (Galicia – Pais Vasco) e Francia, estimouse hai pouco que suman uns 166 millóns de individuos na primavera, e 215 millóns no outono".

"E malia que a invernada de aves mariñas en zonas exteriores do mar de Galicia nunca foi estudada, as consecuencias das sucesivas mareas negras que teñen asolado a costa galega revelan a súa indubidable importancia: baste lembrar que en 2002 o Prestige afectou segundo diversos estudos a entre 115.000 e 250.000 aves, moitas delas incluídas no “Libro Rojo de las Aves de España”, conclúen.

Mapa sobre a afectación nas costas interiores de Galicia  dos eólicos mariños que afectarían ás aves mariñas
Mapa sobre a afectación nas costas interiores de Galicia dos eólicos mariños que afectarían ás aves mariñas | Fonte: Adega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta