Por Europa Press / Redacción | Galicia | 09/03/2023 | Actualizada ás 18:00
A Comisión 5ª do Parlamento de Galicia aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei do PSdeG pola que se lle esixe a Xunta que garanta a cobertura das prazas de pediatría asignadas a Verín.
A deputada socialista, Mariña Ortega, foi a encargada de presentar a proposta, durante cuxa exposición denunciou o "agravio" na asistencia sanitaria pediátrica da comarca, tras a supresión do servizo de Prematuros e a "resistencia" do Sergas a contratar substitutos para cubrir as baixas de médicos da especialidade.
"Non se están cubrindo os protocolos de revisións pediátricas en tempo e forma, xa que no mellor dos casos son cubertos por unha enfermeira, sen a participación dun pediatra", aseverou. Así, indicou, os pais ven "obrigados" a acudir á sanidade privada en Ourense, "a máis de 70 quilómetros de distancia, co consecuente gasto de diñeiro e tempo".
A deputada nacionalista Iria Carreira expresou o seu acordo cos argumentos expostos polos socialistas e tachou a actitude da Xunta coa sanidade de "luz de gas". Ademais, acusou ao Goberno galego de "soberbio e arrogante" ante a falta de "autocrítica" ao non "recoñecer que houbo unha mala planificación do sistema sanitario".
"CÚMPRENSE EN TEMPO E FORMA"
Pola súa banda, o viceportavoz do grupo do PPdeG, Alberto Pazos, instou a socialistas e a nacionalistas a que "citen unha soa especialidade sanitaria que perdesen os hospitais comarcais de Verín ou Valdeorras, porque nunca se amortizou a praza de pediatría de Verín".
Así, no caso concreto da atención pediátrica en Verín, recoñeceu que "é unha praza de difícil cobertura, que recurrentemente foi e segue sendo ofertada". Sinalou tamén que esta praza e outra máis actualmente cuberta por comisión de servizo ofertaranse de novo na próxima convocatoria de prazas de difícil cobertura por concurso de méritos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.