Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/03/2023 | Actualizada ás 20:00
A plataforma "Infesta Non Se Contamina" convoca para este domingo, ás 12.00 horas, unha andaina contra a contaminación da empresa madeireira de taboleiros "Betanzos HB", filial da marca francesa "Tarnaise des Panneaux".
Desde o colectivo sinalan a "preocupación" ante a actual situación de contaminación de cinzas e queima de lodos concentrados, así como fuel, produtos plásticos e químicos. "Hai un previsible incremento da produción, así como de emisións e ruídos, sen un proxecto de tratamento sostible dos residuos e cunhas caldeiras e incineradora obsoletas", explican.
Advirten tamén do descoñecemento da afectación á saúde do "fume negro e cheiros" así como os "danos a cultivos e filtracións a acuíferos". "Mobilizámonos ante a falta de transparencia da empresa, as mentiras sobre a produción ecolóxica e o perigo dunha industria moi antiga e sen adaptación ás directivas medioambientais europeas", manifestan.
A marcha sairá da Praza dos Irmáns García Naveira en dirección á fábrica de Betanzos HB, cunha concentración na entrada da factoría. A plataforma expresa que despois desta convocatoria, seguirán a demandar medidas trasladando o problema ás institucións autonómica e europea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.