Ethel Vázquez ve con "preocupación e decepción" a "falta de avances" no Corredor Atlántico

Segundo a conselleira, necesitaríanse "8.000 millóns de euros" para a transformación total da liña ferroviaria

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 12/03/2023 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mostrou a súa "preocupación e decepción" tras o encontro do pasado luns co comisionado do Corredor Atlántico Noroeste, José Antonio Sebastián, xa que "non hai un plan director", cre que "se perdeu moito tempo" e ve "falta de avances".

Así, volveu a demandar unha reunión co Ministerio que, tal e como lembrou, "xa solicitaron o tres presidentes" --de Galicia, Asturias e Castila e León-- para abordar o plan director do noroeste e trasladar as "singularidades" e "necesidades" de cada comunidade.

En canto ao orzamento para o Corredor, que o comisionado cifrou en 1.300 millóns de euros, Ethel Vázquez cualificouno de "ínfimo" porque, segundo apuntou, ese investimento "serviría unicamente para a renovación ordinaria das vías do tren" e non para "unha transformación e modernización da liña ferroviaria" e para "incrementar as capacidades loxísticas".

Segundo a conselleira, necesitaríanse "8.000 millóns de euros" para a transformación total da liña ferroviaria, "para modernizala e facela competitiva".

"PERDEUSE MOITO TEMPO"

Ademais, Ethel Vázquez criticou que o documento que lles presentaron no cume de Xixón é "practicamente un plaxio e idéntico ao que presentou Ábalos en 2019", algo que "confirma que se perdeu moito tempo".

Nesta mesma liña, na planificación do comisionado, Ethel Vázquez ve "moitas imprecisións" e "moitos erros", así como "ausencias preocupantes", entre as que destacou o saída sur de Vigo ou as variantes para a mellora ferroviaria para conseguir alta velocidade entre Ourense e Lugo.

Do mesmo xeito, a representante da Xunta tamén considera "inverosímil" que estea operativo en 2032. "Unicamente é crible se é unha simple renovación de vía, que non nos serve e non admitiriamos en Galicia nin no Noroeste", aseverou.

CUME EUSKADI

Por outra banda, Ethel Vázquez trasladou que a Xunta espera sumar a Euskadi e a Cantabria como "aliados" na defensa do Corredor Atlántico Noroeste no cume previsto este luns en Vitoria, na que participarán os presidentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para analizar as conexións ferroviarias do norte con Europa.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comparece no pleno da Cámara galega
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comparece no pleno da Cámara galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta