Estas son as previsións económicas do empresariado galego para este 2023

O 51% considera que a situación da economía empeorará nos próximos doce meses, aínda que cren que van vender máis.

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 12/03/2023 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Os directivos de empresas galegas móstranse "prudentes" respecto da situación da economía española xa que o 57% cualifica a conxuntura económica actual como regular, un resultado idéntico ás previsións do conxunto de España, segundo o informe 'Perspectivas España 2023 Galicia' de KPMG.

Pola súa banda, un 35% considera que é mala ou moi mala. En relación coas perspectivas a curto prazo, máis da metade (51%) dos directivos galegos enquisados considera que a economía esapñola empeorará nos próximos doce meses.

Esta opinión sobre a marcha da economía contrasta coas previsións de facturación, investimento e emprego, que son máis optimistas. Así, o 73% das empresas galegas prevé incrementar as súas vendas, tres puntos superior respecto ao dato estatal, mentres que máis da metade, o 56%, espera aumentar o seu investimento, seis puntos porcentuais máis que a media do conxunto estatal.

Daniel Fraga, socio responsable de KPMG en Galicia, considera que "o tecido empresarial galego afronta un contexto de alta volatilidade e incerteza no seu camiño cara á transformación e procura de novas vías de crecemento".

As perspectivas económicas dos directivos para Galicia manteñen, en xeral, "un ton prudente", segundo KPMG, xa que o 62% dos directivos galegos cualifica como regular a situación económica actual da rexión e ese mesma porcentaxe de enquisados cre que a economía rexional manterase igual nos próximos 12 meses.

En cambio, as perspectivas empresariais expresan unha tendencia máis optimista. Neste sentido, dous de cada tres directivos galegos (67%) considera que a súa empresa se atopa nunha situación boa ou excelente e case a metade (49%) cre que evolucionará a mellor no curto prazo.

Mulleres ao ordenador
Mulleres ao ordenador | Fonte: Arquivo

Este "optimismo" respecto da futura marcha dos seus negocios ten "a súa lóxica translación" ao emprego. Deste xeito, o 41% asegura que ampliará o número de empregados ao longo de 2023, mentres que o 48% manterá os seus equipos.

CONTORNA MARCADA POLA INFLACIÓN

O informe tamén revela os efectos da inflación noutros ámbitos da xestión corporativa. Así, tres de cada catro directivos galegos aseguran que a inflación tivo un impacto alto ou moi alto nas marxes de beneficio da súa organización.

Neste ano electoral, un 43% dos empresarios galegos pide ao Goberno central que priorice as medidas para mitigar o impacto da inflación. Xunto cunha maior eficiencia do gasto público e reformas estruturais é a principal demanda dos directivos da comunidade ao Executivo.

A DIXITALIZACIÓN, PRIORIDADE

Máis da metade dos empresarios galegos enquisados, o 52%, sitúa a transformación dixital como unha das súas principais prioridades estratéxicas para os próximos doce meses.

Ademais, un 49% dos directivos galegos inclúe a dixitalización e a adopción de novas tecnoloxías como un dos principais desafíos que deberá afrontar a súa organización no próximos tres anos.

O 49% dos empresarios que participaron no informe cre que a atracción e a fidelización do talento constitúe un dos principais retos no próximos tres anos e máis da metade inclúea entre as súas prioridades estratéxicas para 2023.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta