Pontón pide a PSdeG e PP volver á unidade de 2009 contra os parques eólicos mariños

Os nacionalistas promoverán novas iniciativas tras reunirse co sector, que pide retirar o plan e dialogar de cero

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 13/03/2023 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este luns a unidade de todas as forzas políticas para rexeitar o Plan de ordenación de espazo marítimo (POEM) presentado polo Goberno central. Así, os nacionalistas piden volver ao consenso de 2009, mentres que o presidente da Plataforma en Defensa da Pesca, Torcuato Teixeira, rexeitou establecer unha negociación sen que se retire o plan porque sería a partir de "feitos consumados".

A líder nacionalista, xunto co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a responsable de Pesca no grupo parlamentario, Rosana Pérez e outros responsables reuníronse con membros da plataforma que defende os intereses pesqueiros. 

Concretamente, en maio de 2009, o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei impulsada polo entón deputado do BNG Bieito Lobeira na que se mostraba "a posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galicia, fundamentado no impacto que terían sobre o sector pesqueiro e marisqueiro galego e tendo en conta as previsións de elaboración dun plan de ordenación e usos do litoral galego".

O acordo de entón tamén instaba á Xunta a emprender todas as accións precisas para deixar sen efecto o estudo estratéxico ambiental para a instalación de parques eólicos mariños no relativo ao litoral galego", así como tamén pedía información sobre os plans de parques.

"INCOMPATIBLE"

A líder nacionalista incidiron en que "é incompatible" e está en xogo "protexer ao sector pesqueiro", con máis de 30.000 empregos. Así, volveu a poñer o foco en que se quere converter Galicia en "colonia enerxética" e "facer caixa" pondo en perigo ao sector.

A dirixente nacionalista incidiu en que se quere instalar o 43 por cento de todos os parques eólicos mariños na costa galega, o que supón a "perda de miles de postos de traballo directos e indirectos e que pon en risco a viabilidade" ata 74.000 traballos relacionados cunha das "principais industrias de Galicia".

Reunión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a outros dirixentes co presidente, Torcuato Teixeira, da Plataforma en defensa da pesca
Reunión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a outros dirixentes co presidente, Torcuato Teixeira, da Plataforma en defensa da pesca | Fonte: Europa Press

O BNG levará, de novo, iniciativas ao Parlamento de Galicia, así como ao Congreso dos Deputados e a todas as institucións para reclamar que "se retire" o POEM e declarar a costa galega libre de instalación de parques eólicos. "E non fagan trampas no debate, estamos a favor de que haxa renovables, pero non como modelo de priorizar os intereses das eléctricas", sentenciou.

EMPEZAR DE CERO

Nesta liña pronunciouse o presidente da Plataforma en defensa da pesca, quen dixo que "están a favor das renovables" pero non á conta de "pretender sacrificar" o sector pesqueiro.

Torcuato Teixeira manifestou que, desde xuño de 2022, non teñen "ningunha vía de diálogo ou consulta" co Goberno, a pesar de que se solicitou "reiteradamente" abordar esta cuestión. Agora hai "feitos consumados", polo que o sector pide que se retire para establecer un diálogo, que agora é "ningunha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta