Por Galicia Confidencial | Touro | 14/03/2023 | Actualizada ás 11:23
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de darlle a razón a Ecoloxistas en Acción, logo de que a filial de Atalaya Mining presentara unha demanda para tentar impedir que este colectivo tivese acceso a información ambiental relativa á concesión mineira.
O caso remóntase a 2021, cando a organización ecoloxista solicitara á Xunta copia dos plans anuais de labores e do proxecto de restauración da mina, así como de varios informes de inspección e de expedientes sancionadores contra a empresa. Aínda que a Xunta concedeu o acceso á información, a sucesión de recursos e demandas presentadas pola empresa buscaba demorar que este se fixese efectivo, retrasándoo de feito máis de dous anos.
Xa naquel momento, Cobre San Rafael presentara recurso administrativo acusando a Ecoloxistas en Acción de ter “intencións espurias” por utilizar a información da Xunta para unha "manipulación intencionadamente terxiversada e infundada do seu contido”. O Tribunal rexeitou de plano as pretensións da empresa, condenándoa a pagar 3.000 euros en costas.
En realidade, a información resulta chave para evidenciar os numerosos incumprimentos por parte da empresa, que veñen causando un impacto ambiental severo por contaminación con metais pesados dos cauces fluviais contiguos á zona mineira e, por extensión, do río Ulla no que conflúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.