O Colexio de Xornalistas de Galicia ve unha ameaza para a profesión que siga en vigor a 'lei mordaza'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia “deplora o feito de que as desavinzas entre os distintos partidos permitan que continúe en vigor unha normativa que día tras día segue a lesionar os intereses da profesión”.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/03/2023 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta nun comunicado que non se conseguira chegar a un acordo para eliminar os aspectos máis lesivos para a liberdade de información da Lei de Seguridade Cidadá. O colectivo profesional insta aos partidos políticos a incrementar os esforzos para derrogar ou reformar esta lei “tan perniciosa para as e os comunicadores”.

Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia | Fonte: CPXG

Para o Colexio, o acontecido onte na Comisión de Interior do Congreso dos Deputados só pode entenderse como “unha mala noticia para a profesión xornalística e un fracaso colectivo de todos aqueles partidos que eran partidarios de modificar a Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá”. Consideran incomprensible a continuidade desta lei habendo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogala.

Sobre a profesión xornalística, esta lei supón importantes trabas ao dereito a informar. Os e as comunicadoras expóñense “a seren multadas en determinadas circunstancias ou mesmo a que se lles confisquen as imaxes obtidas”. Isto faríase baixo un suposto uso non autorizado das mesmas “sen explicitar a quen corresponde outorgar esta autorización e estabelecendo no que na práctica é unha limitación previa á liberdade de expresión”.

O Colexio apunta que desde o momento en que entrou en vigor esta lei “temos sido testigos de numerosas sancións neste sentido, nun dos maiores retrocesos da liberdade de prensa no noso país”. Por esta razón as organizacións profesionais reclamaron en numerosas ocasión que esta lei sexa derrogada ou polo menos reformada.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia “deplora o feito de que as desavinzas entre os distintos partidos permitan que continúe en vigor unha normativa que día tras día segue a lesionar os intereses da profesión”.

Por outra banda, quere manifestar o seu rexeitamento frontal á Lei de Seguridade Cidadá. Por todo isto, apela á responsabilidade dos e das representantes políticas para acadaren canto antes un acordo firme, plural e valedoiro, “que libre a xornalistas e ao resto da sociedade das restricións intolerables dunha norma que nunca debeu ser aprobada”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta